A Xunta mudará requisitos de habitabilidade para permitir que baixos comerciais sexan vivendas

A Xunta aprobou iniciar a modificación da súa propia normativa de habitabilidade para permitir que nas cidades galegas os baixos comerciais baleiros poidan habilitarse como vivendas de aluguer. Unha fórmula que permitirá, segundo Alfonso Rueda, pór máis vivenda no mercado e acabar coa "degradación" urbana.
Reunión esta quinta feira do Consello da Xunta (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Reunión do Consello da Xunta (Foto: Xunta da Galiza).

Ao redor de 1.500 comercios retallistas botaron o feche na Galiza en 2022, ano que rematou con perto de 15.000 persoas anotadas na lista de demandantes de vivenda pública. Este é o escenario no que o Goberno galego aprobou onte mudar as súas propias normas de habitabilidade para que os baixos comerciais baleiros nas cidades galegas poidan pasar a ser vivendas de aluguer. O propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu onte este paso pois, dixo, terá un duplo beneficio: "Pór máis vivenda no mercado" e "paliar a degradación urbana" no centro das cidades.

O novo texto, tal e como avanzou, eliminará requisitos como a altura mínima das xanelas para preservar a intimidade dos seus habitantes. Agora, a intimidade poderase garantir a través de "outros elementos".ç

De igual modo, o decreto rebaixará a superficie mínima que tiñan que ter as habitacións e facilitará as condicións para considerar unha vivenda como exterior. O obxectivo, segundo o presidente da Xunta, é eliminar trabas que "a día de hoxe non tiñan moito sentido" porque "cambiaron os hábitos" nos últimos 15 anos. 

Esta aposta da Xunta por facilitar que eses baixos sen uso pasen ser habitábeis dase, ademais, nun país no que hai ducias de miles de vivendas baleiras e denuncias, desde a oposición e colectivos sociais, da falla de políticas públicas acaidas polo Goberno galego neste campo. Cidades como Ourense, Lugo e Ferrol lideran o ranking de cidades con vivendas baleiras no Estado español. Ademais, A Galiza precisa 180.000 vivendas dirixidas ao aluguer para igualar os datos da UE, segundo informe realizado por Atlas Real Estate Analytics.

Por outra parte, o Goberno galego anunciou tamén onte que destinaría case catro millóns de euros a adquirir á Sareb —o banco malo—40 vivendas pata aluguer en 16 concellos, inmóbeis en uso pola Xunta.

Rueda celebra o "bo" 2022 do leite, ano de feche de 344 granxas

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou onte o "bo momento" do sector lácteo galego. “Acadou en 2022 un récord de facturación ao alcanzar os 1.306 millóns de euros”, dixo Rueda. Porén, nese exercicio botaron o feche 344 explotacións de leite na Galiza, case unha cada día. O aumento dos prezos que se lle pagan ao produtor nestes meses non compensa, en moitos casos, o incremento das materias primas, como teñen denunciado as organizacións agrarias.

Por outra parte, e a preguntas da prensa sobre a convocatoria dunha folga o 6 de marzo na CRTVG, Alfonso Rueda defendeu os resultados de audiencia do medio público fronte ás críticas do persoal polo que consideran manipulación e medidas que cualifican de “castigo” a quen non son “dóciles”. Preguntado pola dimisión da directora do distrito sanitario de Valdeorras, Margarita Rodríguez, após tres anos no cargo o presidente dixo que "o Sergas ten case 43.000 profesionais e por tanto é normal que se produzan substitucións e dimisións". Insistiu, ademais, en que esa dimisión é "algo perfectamente normal" e que a propia Rodríguez explicou as circunstancias.

Comentarios