A Xunta alude "aos okupas" ao debater sobre a falta de vivenda pública na Galiza

A oposición reprocha ao Goberno galego o "abandono" das súas competencias en vivenda
combo vivenda alexandra eduardo anxeles
photo_camera Ánxeles Vázquez, Alaxandra Fernández e Eduardo Ojea, no Parlamento da Galiza.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez, avanzou onte no Parlamento que o Goberno galego ultima un recurso de inconstitucionalidade contra a nova Lei de Vivenda do Executivo estatal. Un recurso a unha norma que "invade competencias", "prima os okupas", "invade a propiedade privada" e vai contra "a clase media", dixo a conselleira. O BNG e o PSdeG reclamáronlle que deixe de "buscar culpábeis" e que achegue solucións ao "problema da vivenda" na Galiza: escasa oferta de inmóbeis protexidos e suba constante de prezos. 

Ánxeles Vázquez compareceu no Parlamento a petición propia para dar conta da política da Xunta da Galiza en materia de vivenda. Mais o groso da súa intervención centrouse na Lei estatal de Vivenda, unha norma que a conselleira considera que vai ter efectos "nefastos". Tanto o BNG como o PSdeG reprocharon a Vázquez que "vén aquí a buscar culpábeis" dunha situación, a da vivenda, na que a Xunta ten as competencias e non está "a facer os deberes". A conselleira non aforrou cualificativos contra a norma estatal, que entrou en vigor a pasada sexta feira. "Prima os okupas fronte aos propietarios", dixo. "Invade a propiedade privada", afirmou. "A clase media vaise verse afectada" e "invade as nosas competencias", concluíu. De aí que, se o Executivo estatal non se avén a dialogar coa Xunta sobre esta norma, o Goberno de Alfonso Rueda presentará un recurso de inconstitucionalidade contra a mesma.

Iniciativa privada

Para Vázquez, leis "punitivas" e "invasivas" como a aprobada polo Goberno estatal para a vivenda "fracasan" alí onde se aplican, "como en Suecia, Berlín o Francia". Unha norma á que contrapuxo a política de vivenda da Xunta, que resumiu nun clarificador "desbotamos intervir no mercado, non funciona".

Neste sentido, a conselleira volveu repasar onte ante o pleno da Cámara algúns dos anuncios feitos polo Goberno galego nestes meses, como o de construír até 2026 por volta de 1.800 vivendas en aluguer. Oferta que apenas cubriría 10% da demanda, pois a 30 de maio hai 11.400 persoas anotadas no Rexistro da Xunta en demanda dunha vivenda protexida en aluguer.

Incumprimentos e desleixo

A oposición non comprou o discurso da conselleira. Tanto nacionalistas como socialistas fixeron un balanzo moi crítico destas lexislaturas en materia de vivenda. "A vivenda é un dereito, como a sanidade e a educación, e vostedes saboteárono", denunciou Alexandra Fernández (BNG). "O acceso a unha vivenda digna é un problema na Galiza", dixo Eduardo Ojea (PSdeG).

A deputada nacionalista tirou de datos para criticar que a Xunta, "nunha década", só foi quen de facer mil vivendas protexidas, "que era o que se facía nun ano durante o Goberno bipartito".

Orzamento sen executar

Para Alexandra Fernández, o Goberno galego nin sequera é quen de executar os orzamentos que ten para políticas de vivenda. "De 7,6 millóns que tiñan para axudas a rehabilitación de vivenda social, executaron cero", puxo como exemplo.

Unha acusación que tamén partillou o parlamentario socialista Eduardo Ojea. "En 2022 só executou 8,8% do orzamento dispoñíbel no Programa de Acceso á Vivenda". 

Ojea tamén lamentou "a baixa oferta de vivendas de protección, só rematou 468 vivendas nesta lexislatura", o que sitúa Galiza á cola do Estado. 

María e Bildu

Tamén interviu no debate a portavoz do PP en Vivenda, a deputada Begoña Freire, que cargou contra a lei estatal de vivenda por ser apoiada por EH Bildu e aproveitou para proclamar desde o estrado que ninguén fixo "tanto dano como o Goberno de Pedro Sánchez". A seguir falou de "María", unha pensionista de 94 anos de idade, "dependente", que non ten pensión e á que Pedro Sánchez "considera unha gran propietaria por ter cinco inmóbeis" malia sufrir "okupas" nalgún deles. Unha historia da que tamén tirou a conselleira para defender onte o convenio con avogados asinado a semana pasada para ter activo un teléfono de asesoramento "antiokupas": "Atenderon o ano pasado cen persoas como María", dixo. 

Comentarios