Parlamento

A Xunta admite que algunhas plantacións de eucaliptos danaron o patrimonio

O BNG denuncia a destrución da paisaxe cultural.
José L. Chan, director xeral de Planificación e Ordenación Forestal. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera José L. Chan, director xeral de Planificación e Ordenación Forestal. (Foto: Xunta da Galiza)

A deputada do BNG Mercedes Queixas levou esta cuarta feira á Comisión  4ª de Educación e Cultura o informe do Consello da Cultura Galega (CCG) sobre o impacto dos cultivos forestais con especies de crecemento rápido no patrimonio natural e cultural da Galiza, ao que o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luís Chan, respondeu admitindo "feitos illados de danos" pero agregou que "para iso está o réxime sancionador" e rexeitou "pór en dúbida" a todo o sector. 

Na comisión parlamentaria que aborda asuntos sobre educación e cultura, Queixas laiouse da ausencia da Dirección Xeral de Patrimonio, á que a deputada nacionalista trasladaba a súa denuncia. No seu lugar, o que acudiu a responder a súa cuestión foi o titular de Planificación e Ordenación Forestal. 

Queixas fixo alusión a un informe que conclúe, segundo recalcou, que a paisaxe cultural galega, material e inmaterial, está "ameazada" debido a plantacións forestais no monte, en concreto as vinculadas co eucalipto, e incidiu tamén nas súas referencias á "falta de desenvolvemento e aplicación de múltiples marcos reguladores". 
Na súa quenda, Chan argumentou que o motivo de que fora el quen respondeu é "que a referencia faise explicitamente á actividade forestal". 

Ideas "preconcibidas"

O director xeral mostrou "preocupación" porque "se formulen unilateralmente cuestións de preservación partindo de ideas preconcibidas e conclusións estabelecidas de antemán". Defendeu que "si hai un marco normativo que afecta os montes" e censurou "que se obvia", antes de asumir que existen "feitos illados de danos a patrimonio" pero "para iso está o réxime sancionador". 

Ante isto, Queixas lamentou que ao Goberno do PP "non lle gusten os informes do CCG, pero non poden infravaloralos ou desprezalos. Os informes non son opinións, foron elaborados durante dous anos por especialistas para chegar a un documento rigoroso", sentenciou. 

Comentarios