A industria pasteira lusa expándese na Galiza cunha nova plantación cada mes

Aumentan as unidades de xestión de eucalipto en territorio galego en 30%.
Instalacións da pasteira lusa Navigator.
photo_camera Instalacións da pasteira lusa Navigator.

En febreiro de 2018, entraba en vigor en Portugal a lei que prohibía novas plantacións de eucaliptos nese país até 2030. Unha norma que fora aprobada polo Goberno portugués en agosto de 2017, após a traxedia no mes de xuño dese mesmo ano, en Pedrógão Grande (no distrito de Leiría, na rexión centro), o xigantesco incendio no que morreron 66 persoas e que centrou o debate sobre a expansión do eucalipto e as súas consecuencias.

Esta decisión levou as empresas pasteiras portuguesas a mirar ao norte do Miño, un territorio que xa coñecían e onde levaban tempo mercando eucalipto —compras que chegaron a atinxir hai ai redor dunha década os 1,5 millóns de toneladas anuais—. Mais foi desde 2018 cando optaron por ter unha presenza máis activa en territorio galego.

Corenta e dúas unidades de xestión

A principal pasteira portuguesa, The Navigator Company, antiga Portucel, recolle nun informe publicado en abril de 2023 que ao fechamento de 2022 tiña na Galiza 42 'Unidades de Gestão' ou plantacións de eucalipto. Son dez máis das que posuía no exercicio anterior, 2021, cando eran 32. Aumentou en 31% nun ano, a un ritmo de cada unha nova plantación cada mes.

Ampliación

Ao principiar o exercicio de 2023, segundo o informe publicado no pasado mes de abril, a industria pasteira de Portugal xestionaba na Galiza un total de 955 hectáreas (ha). Trátase do equivalente a máis de mil campos de fútbol. Ademais, esta cifra é netamente superior ao terreo que esta empresa tiña na Galiza no ano 2021 (eran daquela 601 ha) e moi superior ao que xestionaba no ano 2020: 356 hectáreas. Neste intervalo de tres anos, a superficie de eucalipto que The Navigator posúe en territorio galego aumentou 170%.

O relatorio de The Navigator informa o accionariado da empresa de que "na Galiza, à semelhança do que existe em Portugal, a Companhia dispõe de uma cadeia de abastecimento completa e integrada, com compra de madeira, arrendamento e compra de terras, alicerçada num sistema com três parques logísticos (dois marítimo-ferroviários) que permitem a expedição para Portugal, sobretudo por via ferroviária e marítima, esta última a partir dos portos galegos da Corunha e Ferrol".

É dicir, na Galiza posúe tres parques loxísticos: na Coruña, en Ferrol e na Susana-Santiago. Son puntos onde se entrega o eucalipto recollido nas 42 unidades de xestión que Navigator posúe por diferentes comarcas galegas. Desde esas plataformas envía a madeira ás factorías que a pasteira ten en Portugal.

Expansión

A pasteira portuguesa, que opera na Galiza a través das súas filiais Navigator España S.A, Bosques do Atlántico S.L e Navigator Tissue Iberica S.A., xestionou no ano 2022, no Portugal continental, perto de 106.000 hectáreas, das cales 55% corresponden a patrimonio propio e o restante procede de arrendamentos noutras zonas. Do total de hectáreas, 73% son de eucalipto. A esta área en Portugal, a compañía agrega as 955 hectáreas na Galiza e máis de 14.000 hectáreas en Mozambique.


O debate sobre canto eucalipto hai na Galiza

A Xunta da Galiza vén de dar a coñecer os primeiros resultados do Inventario Forestal Continuo. Segundo os datos facilitados, os eucaliptos supoñen 28% da superficie arborada galega, isto é, 409.000 hectáreas dun total que case alcanza o millón e medio de hectáreas. Porén, as cifras do Inventario Forestal Continuo baten coas do Cuarto Inventario Forestal Nacional (IFN 4), desenvolvido polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco).

Segundo o IFN, 51% da superficie total arborada da Galiza corresponde con eucaliptais, isto é 23 puntos máis que a área sinalada pola Xunta. Concretamente, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico especifica que 31% corresponde a eucaliptais puros e 20%, a eucaliptais en mestura con piñeiros e carballos.

Comentarios