Xornada tranquila na repetición electoral de Castro Caldelas

O 28 de maio perdeuse a custodia duns 118 votos, o que supuxo a repetición electoral

Un home exerce o seu dereito a voto este domingo na repetición das eleccións municipais de Castro Caldelas. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera Un home exerce o seu dereito a voto este domingo na repetición das eleccións municipais de Castro Caldelas. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

A xornada electoral en Castro Caldelas (Terra de Caldelas), un dos arredor de corentena concellos do Estado español nos que houbo que repetir as eleccións do 28 de maio, transcorre sen incidencias e con "normalidade” nas mesas dos tres colexios electorais.

Non houbo campaña electoral e tampouco a posibilidade de que voten os mozos e as mozas que desde o 28 de maio adquiriron a maioría de idade, pero si se viviu de novo unha xornada de democracia apenas uns meses despois das eleccións estatais e coa mirada posta xa nas galegas.

Ademais, houbo que repetir inclusive a composición das mesas e mantívose o censo nas 1.123 persoas recollidas nas listaxes para a cita de maio, data desde a que morreron tamén 17 persoas na localidade.

Perda da custodia dos votos

A xornada arrincou ás 9 horas e concluirá ás 20 horas, como nun día electoral habitual. Mais, por que ten que repetir Castro Caldelas os comicios do 28-M? O feito é que se perdeu a custodia de 118 votos e a alcaldesa, a socialista Sara Inés Vega, gañou a maioría absoluta cunha diferenza de algo máis de 50 votos, polo que se sementaron dúbidas sobre o resultado.

En declaracións á axencia Europa Press este domingo, a rexedora expresou que a xornada está decorrendo con "absoluta normalidade" e desexou que sexa un domingo de "democracia" e que á xente á que "roubaron e secuestraron o voto" se lle devolva a ocasión de exercer o seu dereito.

Pola súa banda, César Enrique Cachín, do PP, tamén destacou, tras "cumprir a súa obrigación de votar", que a xornada se desenvolveu de forma "moi tranquila" e esperou que termine da mesma maneira. Na xornada da mañá tamén votou o candidato do BNG, José Luis Prieto, que non obtivo representación en maio e que dixo que a xornada ía "moi ben".

Comentarios