'30 CASTELOS PARA DESCUBRIR UN REINO'

O Castelo de Castro Caldelas, da Baixa Idade Media até os nosos días

En plena Ribeira Sacra, o castelo de Castro Caldelas señorea unha terra cun rico patrimonio e unha longa historia de seu. Sendo unha das principais fortalezas da Casa condal de Lemos desde a Baixa Idade Media, as súas pedras gardan memoria do seu pasado señorial e de episodios tan coñecidos da historia de Galiza como a célebre Revolta Irmandiña.

A fortaleza de Castro Caldelas forma parte do rico patrimonio histórico-artístico que se pode visitar na Ribeira Sacra, paisaxe que foi declarada ben de interese cultural no 2018 (Foto: Miguel García Fernández).
photo_camera A fortaleza de Castro Caldelas forma parte do rico patrimonio histórico-artístico que se pode visitar na Ribeira Sacra, paisaxe que foi declarada ben de interese cultural no 2018 (Foto: Miguel García Fernández).

Un castelo que xurdiu na Baixa Idade Media señorea a vila de Castro Caldelas, a capital administrativa do concello do mesmo nome, que, xunto cos de Montederramo, A Teixeira e Parada do Sil, conforman a bisbarra ourensá da Terra de Caldelas.

Esta fortaleza, que foi declarada monumento histórico-artístico en 1949, forma parte dos BIC incluídos dentro da Ribeira Sacra, paisaxe que no 2018 viu recoñecida a súa condición de ben de interese cultural no seu conxunto, entendéndoa como “exemplo paradigmático e sobranceiro de paisaxe cultural en que se evidencia o significado da creación conxunta das persoas e da natureza”, e sendo considerada, ademais, como un “valor sobranceiro para a identidade do pobo galego ao longo da historia”.

 Estamos ante un espazo no que, xunto ás fermosas estampas paisaxísticas e o duro traballo agrícola que alí se realiza –entre o que destaca a chamada “viticultura heroica”–, o patrimonio histórico-artístico ten unha presenza sumamente destacada.

Sen reducirse ao de ámbito relixioso –ao que se lle adoita dar máis publicidade–, este tamén inclúe estruturas e recintos fortificados coma o de Castro Caldelas, e, en todo caso, todo el é un bo reflexo da intensa “señorialización” experimentada polo territorio galego durante a Idade Media.

[Podes ler este fascículo completo, dentro do coleccionábel 30 castelos e torres para descubrir un reino, comprando o xornal Nós Diario de hoxe, nos quiosques ou en formato dixital na nosa loxa en liña, a través desta ligazón. Cada día, unha nova entrega, totalmente gratuíta co xornal]

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios