Villares pide pasar da indignación ao compromiso colectivo para construír un país xusto 

O candidato de En Marea apela ao voto dos que rexeitan a corrupción nun mitin onde recordou os numerosos casos que salpican o PP. “Apártate da fatalidade, vai caer Baltar, vai caer Rajoy e vas caer ti. Porque non vai pasar que venzan os malos”, recomendou ao candidato Núñez Feijóo.

Villares no mitin de Ourense (Foto: En Marea)
photo_camera Villares no mitin de Ourense (Foto: En Marea)

En Marea pechou a penúltima xornada de campaña na Alameda de Ourense cun mitin onde o seu candidato á Presidencia da Xunta cargou con firmeza contra a corrupción do PP. Luís Villares fixo un percorrido polos numerosos casos que acumulan os populares e pediu, “por todo o roubado, polo desprezo a xente e polas continuas mentiras”, que o electorado pase o 25 de setembro da indignación ao compromiso colectivo para construír un país xusto.

“Onde vai ese diñeiro, queremos que volva para facer políticas socias”, preguntou Villares en relación “os 2.200 millóns de euros que se perderon en Galiza pola corrupción máis os recortes do PP estes anos”. O aspirante do partido instrumental criticou que a candidatura popular estea preocupada polos tres millóns de votos que perderon pola corrupción, e apelou a que o cen por cen dos votantes que rexeitan esta situación apoien a súa formación o domingo. 

“Aquí tedes o programa do PP con suplemento incluído, o Código Penal”, chanceou Villares mentres sostiña ambos documentos.

“Caso de Baltar fillo, Baltar pai, e Baltar espírito santo, caso Campeón, caso Conde Roa, Gürtel, Caso Orquestra, Patos, Pokemon”, enumerou Villares. “Aquí tedes o programa do PP con suplemento incluído, o Código Penal”, chanceou Villares mentres sostiña ambos documentos, e  avisou o candidato popular que “vai caer Baltar, vai caer Rajoy e vas caer ti (en referencia a Feijóo). Porque non vai pasar que venzan os malos”. 

O candidato de En Marea esixiu de Feijóo que comece pedindo perdón pola súa amizade co narcotraficante Marcial Dorado e despois continúe co resto dos seus “amigos” do PP. “Por Bárcenas, por Camps, por Conde Roa, por Barberá, por Baltar, por Rato, por un longo etcétera”, apelou Villares.

“O noso compromiso e o voso é En Marea, un compromiso colectivo por un pais xusto, porque un país xusto cree na igualdade sen discriminación nin cousificación, porque loita pola súa vivenda porque segue habendo 39 desafiuzamentos ao mes e ao candidato do PP non lle importa. Porque un país xusto non deixa morrer os seus enfermos para cadrar as contas, recuperaremos a sanidade e o público privatizado”, salientou, nun acto onde participaron entre outros o portavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, e a deputada de Podemos no Congreso, Carolina Bescansa.

Comentarios