O TSXG valida un voto ao PP rodeado con tinta azul, o que lle dá un novo edil en Corcubión

O alto tribunal galego aplicou a este caso a doutrina do Tribunal Constitucional

Papeletas de voto (Foto: Nós Diario).
photo_camera Papeletas de voto (Foto: Nós Diario).

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) validou un voto ao PP nas pasadas eleccións municipais do 28 de maio, concretamente no Concello de Corcubión (comarca de Fisterra). Os populares conseguen así un edil máis, en detrimento da formación Partido Autónomo de Corcubión (Pacor), que só conseguira un representante.

O voto tiña rodeada toda a candidatura cun círculo con tinta azul e estaba marcado o nome do candidato. Así, o tribunal estimou o recurso contencioso electoral interposto por dous candidatos do PP de Corcubión fronte ao acto de proclamación de electos da corporación local do municipio do 16 de xuño de 2023, efectuada pola Xunta Electoral de Zona.

En consecuencia, os maxistrados da sala contencioso-administrativo declararon a nulidade do acordo de proclamación do único concelleiro do Pacor e, no seu lugar, proclamou o candidato situado no segundo lugar da candidatura do PP.

O alto tribunal galego explica que, aplicando a este caso a doutrina do Tribunal Constitucional, "non pode afirmarse que o rodeo da lista completa de candidatos cun círculo e o facer unha marca xunto o primeiro candidato da lista supoña a nulidade do voto".

Así, subliña que han de prevalecer "os principios de conservación de actos validamente celebrados, de interpretación máis favorábel á plenitude do dereito de sufraxio e de coñecemento da verdade material".

A Sala afirma que, realmente, non tivo lugar "unha alteración relevante da lista electoral cos sinais que presenta a papeleta analizada", pois entende que quedou "claramente expresada a vontade do elector, sobre a cal non caben dúbidas". A sentenza é firme, pois contra ela non cabe presentar recurso.

Esta sentenza do TSXG non orixina cambios na gobernabilidade do Concello de Corcubión, cunha corporación que finalmente ficará composta por 4 edís do BNG, 2 do PSdeG, 2 do Partido Popular e 1 da Candidatura de Xestión Municipal. O Pacor, queda, finalmente, sen representación en Corcubión. Tendo en conta que os socialistas xa avanzaron o voto a favor para a investidura do candidato nacionalista, prevese que no pleno de toma de posesión que decorrerá esta sexta feira, 7 de xullo, fique co bastón de mando o BNG.

Aprazamento do pleno

Precisamente, Corcubión é un dos concellos nos que se viu aprazado o pleno de investidura. Aínda que nun primeiro momento a xunta de zona deu por válido o voto, a xunta electoral central ditaminou que a papeleta era nula, o que daba un concelleiro a Pacor en detrimento dun do PP.

Os populares presentaron este recurso, o que deixou pendente para o 7 de xullo o pleno de investidura, unha vez resolta a discrepancia.

Comentarios