O TSXG inadmite o recurso do BNG contra a proclamación de edís na Pobra do Brollón

Os nacionalistas denunciaran "unha cadea de erros administrativos" que provocou que "se intercambiasen" os resultados de PSOE e BNG nunha mesa, dando aos socialistas unha acta máis.
Unha persoa deposita o seu voto nunha urna electoral. (Foto: Europa Press)
photo_camera Unha persoa deposita o seu voto nunha urna electoral. (Foto: Europa Press)

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza vén de declarar a inadmisión do recurso contencioso-electoral interposto polo BNG contra a acta de proclamación de edís electos e electas do 5 de xuño de 2023, formalizada pola Xunta Electoral de Zona de Monforte de Lemos, en relación co Concello da Pobra do Brollón. Os nacionalistas denunciaron que, ao copiar as actas e elevalas á Xunta Electoral, atribuíuse un concelleiro de máis ao PSOE en detrimento de a súa formación, que en todo caso obtivo maioría absoluta con cinco concelleiros.

Con todo, a sección primeira da Sala do contencioso-administrativo conclúe na sentenza que a formación acudiu á vía xurisdicional "sen esgotar a vía administrativa previa", nas posibilidades de presentar queixas de forma anterior.

A resolución é firme, por non caber contra ela recurso contencioso ningún, ordinario nin extraordinario, mais si se pode pedir aclaración e non prexulga a presentación dun recurso de amparo diante do Tribunal Constitucional.

Na resolución, coñecida esta segunda feira, os maxistrados explican que a causa de impugnación é a desconformidade co resultado do escrutinio xeral formalizado pola Xunta Electoral de Zona (XEZ), xa que sinala a existencia dun erro que fixo variar o número de concelleiros atribuídos a BNG e PSOE.

O alto tribunal galego lembra que, con carácter previo ao recurso contencioso-electoral contra a proclamación de electos, "articúlanse unha serie de instrumentos de revisión ante as xuntas electorais —nas eleccións locais, ante a Xunta Electoral de Zona, e, posteriormente, ante a Xunta Electoral Central—, que constitúen un requisito previo ao control xurisdicional".

Aliás, recalca que, se non se esgota previamente esa vía administrativa, o recurso é inadmisíbel, tal e como sucedeu neste caso. O alcalde, o nacionalista Xosé Lois Maceda, advertira cando anunciou a interposición do recurso que acudiría "ao Tribunal Constitucional ou a Europa se for preciso".

Comentarios