Xustiza

O Supremo rexeita a petición de Baltar e mantén aberta a causa penal por conducir a 215 km/h

Antes de que o caso chegase ao Supremo, o Ministerio Fiscal presentara escrito de acusación contra Baltar considerándoo autor dun delito contra a seguridade viaria, na modalidade de condución de vehículos de motor a velocidade superior á legalmente permitida do artigo 379.1 do Código penal.
O senador do PP José Manuel Baltar, antes de entrar a declarar ante o Tribunal Supremo o pasado 19 de decembro. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O senador do PP José Manuel Baltar, antes de entrar a declarar ante o Tribunal Supremo o pasado 19 de decembro. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O Tribunal Supremo vén de rexeitar a petición do senador do PP José Manuel Baltar de anular a causa penal que abrira na súa contra por conducir a 215 km/h polo feito de que xa fose multado en vía administrativa por un exceso de velocidade. Baltar alegaba que seguir adiante coa causa penal podería supor unha violación do principio non bis in idem —que prohibe xulgar unha persoa dúas veces polos mesmos feitos—, porque xa pagou unha multa de 600 euros e perdeu 6 puntos do carné de conducir por este motivo.

Con todo, a instrutora do caso, a maxistrada Ana Ferrer, lembra nun auto coñecido esta quinta feira que tanto a doutrina do Tribunal de Xustiza da UE como do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos avalan que se poidan dar respostas xurídicas complementarias a determinados comportamentos socialmente inaceptábeis, entre eles o incumprimento das normas de tráfico, sempre que non supoñan unha "carga excesiva" para a persoa afectada.

Tamén alude á doutrina do propio Supremo e do Tribunal Constitucional para afirmar que "non cabe apreciar unha reiteración punitiva" naqueles supostos de identidade de suxeito, feitos e fundamento nos que a tramitación previa do procedemento administrativo concluíse nunha sanción firme e executada, porque esta descóntase da sanción penal que se impoña. En calquera caso, sinala que "será o tribunal sentenciador, no caso de que chegase a alcanzarse a fase de axuizamento, a quen compete ponderar o extremo debatido e a súa incidencia na eventual penalidade".

Novas dilixencias

Por outra parte, a maxistrada accede á petición da defensa de realizar novas dilixencias. En concreto, pide á Garda Civil que informe sobre as especificidades dos modelos de radar que captaron Baltar conducindo por riba do límite de velocidade, sobre os aparellos que imprimen as multas e, en concreto, sobre que datos se introducen automaticamente, así como de onde estaba situado o radar que o detectou o 23 de abril de 2023 na autovía A-52.

En cambio, rexeita a declaración testemuñal que reclamaba Baltar, por ser "innecesaria neste momento aos fins da instrución, dados os datos consignados no correspondente atestado e a documental incorporada ao mesmo". Por último, sobre a petición realizada pola Fiscalía para que o Supremo eleve xa suplicatorio ao Senado para poder proceder penalmente contra Baltar, a maxistrada deixa a solicitude pendente de resolver.

A pesar da falta de suplicatorio, o senador 'popular' compareceu voluntariamente ante o Supremo o pasado 19 de decembro para negar que conducise a esa velocidade. "Non existiu en ningún momento unha velocidade superior a 200 quilómetros por hora", dixo o seu avogado, Ramón Montero, en declaracións á prensa. O Supremo abriu causa o pasado novembro, despois de que a Sala do Penal recibise o testemuño de xuízo rápido e as dilixencias urxentes remitidos polos xulgados de Zamora e Pobra de Seabra, incoadas en virtude de atestado da Garda Civil pola comisión dun suposto delito contra a seguridade viaria.

Seis meses de multa

Antes de que o caso chegase ao Supremo, o Ministerio Fiscal presentara escrito de acusación contra Baltar considerándoo autor dun delito contra a seguridade viaria, na modalidade de condución de vehículos de motor a velocidade superior á legalmente permitida do artigo 379.1 do Código penal. A Fiscalía pediu unha pena de seis meses de multa a razón de cota diaria de 10 euros, coa responsabilidade persoal subsidiaria que en caso de falta de pagamento estabelece o artigo 53 do Código penal e 1 ano e 1 día de privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores.

O xulgado de instrución, de conformidade co prevido no artigo 800.1 da Lei de Axuizamento Criminal, acordara a apertura do xuízo oral contra Baltar por feitos supostamente constitutivos dun delito de condución de velocidade notoriamente superior ao Regulamento O 15/2007. Pero, acreditada a condición de senador designado polo Parlamento da Galiza, o Xulgado do Penal Número 1 de Zamora, por auto de data 13 de setembro de 2023, acordou a inhibición e remisión das actuacións ao Supremo.

A 215 km/h

Os feitos remóntanse ao domingo 23 de abril, cando Baltar foi interceptado, segundo o informe definitivo da Garda Civil de Tráfico, a 215 quilómetros por hora na A-52, ao seu paso por Asturianos, ao volante dun coche da Deputación de Ourense. Tres meses despois, Baltar foi elixido senador por designación autonómica a proposta do PP, o pasado 28 de xullo.

Transcorrera apenas un mes desde que Baltar renunciara a seguir á fronte da Deputación provincial tras 11 anos. Despois de non lograr a maioría absoluta na corporación provincial nas eleccións do 28 de maio, buscou así facilitar que o seu partido puidese conservala, segundo afirmou el mesmo.

A renuncia de Baltar permitiu un cambio de ciclo na institución provincial e no PP en Ourense, despois de máis de tres décadas ligadas ao seu apelido —primeiro da man do seu pai, José Luis Baltar, e despois baixo o seu mandato—. Agora preside a institución provincial e a xestora do PP en Ourense o alcalde do Pereiro de Aguiar, Luís Menor, da órbita de confianza da dirección galega do partido.

Comentarios