O PP elixe Manuel Baltar, cunha causa aberta no Supremo, para presidir a comisión de Reto Demográfico no Senado

O presidente do PP ourensán, Manuel Baltar, con Alfonso Rueda en segundo plano, durante un acto de campaña. (Foto: Agostime / Europa Press)
photo_camera O presidente do PP ourensán, Manuel Baltar, con Alfonso Rueda en segundo plano, durante un acto de campaña. (Foto: Agostime / Europa Press)

O senador popular e ex presidente da Deputación de Ourense e do PP provincial de Ourense, Manuel Baltar, que ten unha causa aberta no Tribunal Supremo (TS), apos ser rexistrado a 215 km/h ao volante, será o novo presidente da Comisión de Despoboamento e Reto Demográfico do Senado, segundo Europa Press.

Segundo informaron fontes do PP, Manuel Baltar será un dos nomes que ocupen a Presidencia das comisións que se constitúen esta terza feira e onde os 'populares' ostentarán case todas as presidencias, agás a Comisión de Orzamentos.

Manuel Baltar chegou ao Senado nesta lexislatura como parlamentario por designación autonómica pola Galiza apenas un mes despois de que este renunciase a seguir á fronte da Deputación de Ourense. Despois de non lograr a maioría absoluta na corporación provincial nas eleccións do 28 de maio, buscou así facilitar que o seu partido puidese conservala, segundo afirmou el mesmo.

Posteriormente, completou a súa retirada deixando as rendas do partido provincial, que agora dirixe unha xestora liderada polo actual presidente da Deputación, Luís Menor, un dirixente da confianza do presidente do PPdeG, Alfonso Rueda.

O pasado 21 de novembro coñeceuse que o Tribunal Supremo acordou abrir procedemento e investigar a Manuel Baltar ao apreciar indicios dun delito contra a seguridade viaria.

A Sala do Penal do Supremo recibiu o pasado 27 de setembro testemuño de xuízo rápido e dilixencias urxentes remitidas por xulgados de Zamora e Poboa de Sanabria, incoadas en virtude do atestado da Garda Civil pola comisión dun presunto delito contra a seguridade viaria ao conducir o senador e presidente do PP de Ourense un vehículo a motor a velocidade superior á determinada no Código Penal.

Os feitos remóntanse ao domingo 23 de abril, cando Baltar foi interceptado, segundo o informe definitivo da Garda Civil de Tráfico, a 215 quilómetros por hora na A-52 ao volante dun coche da Deputación de Ourense.

Comentarios