Xustiza

O Supremo abre causa a Manuel Baltar ao apreciar indicios de delito contra a seguridade viaria

O BNG exixe a dimisión inmediata de Baltar: "É unha absoluta vergoña para os galegos e as galegas que o PP de Alfonso Rueda o manteña como senador por designación autonómica".
José Manuel Baltar, senador do PP e ex presidente da Deputación de Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)
photo_camera José Manuel Baltar, senador do PP e ex presidente da Deputación de Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)

O Tribunal Supremo acordou abrir procedemento e investigar ao senador do Partido Popular José Manuel Baltar ao apreciar indicios dun delito contra a seguridade viaria, e designou como instrutora da causa á maxistrada da Sala do Penal Ana Ferrer. A Sala do Penal do Supremo recibiu o pasado 27 de setembro testemuño de xuízo rápido e dilixencias urxentes remitidas por xulgados de Zamora e Pobra de Sanabria, incoadas en virtude de ateigado da Garda Civil pola comisión dun presunto delito contra a seguridade viaria ao conducir o senador e presidente do PP de Ourense un vehículo a motor a velocidade superior á determinada no Código Penal.

Unha vez confirmado que Baltar é senador na actual lexislatura, o Supremo solicitou informe á Fiscalía, que interesou declarásese a competencia da Sala para o seu coñecemento e efectuar a designación de instrutor, ao que corresponderá a decisión sobre as dilixencias a practicar, solicitadas polo letrado defensor no seu escrito de defensa. Interesou igualmente a notificación ao denunciado, con solicitude do correspondente Suplicatorio, ratificándose nas actuacións practicadas polos xulgados de instancia, sendo as mesmas suficientes, segundo a Fiscalía, para formular acusación.

No seu auto, o Supremo explica que, antes de que se enviase a causa ao alto tribunal, o Ministerio Fiscal presentara escrito de acusación contra Baltar considerándoo autor dun delito contra a seguridade viaria, na modalidade de condución de vehículos a motor a velocidade superior á legalmente permitida do artigo 379.1 do Código Penal. E solicitara a imposición dunha pena de 6 meses de multa a razón de cota diaria de 10 euros, coa responsabilidade persoal subsidiaria que en caso de falta de pagamento estabelece o artigo 53 do Código Penal e 1 ano e 1 día de privación do dereito a conducir vehículos a motor e ciclomotores.

O xulgado de instrución, de conformidade co prevido no artigo 800.1 da Lei de Axuizamento Criminal, acordara a apertura do xuízo oral contra Baltar por feitos presuntamente constitutivos dun delito de condución de velocidade notoriamente superior ao Regulamento O 15/2007. Pero, acreditada a condición de senador designado polo Parlamento de Galicia, o Xulgado do Penal nº 1 de Zamora, por auto de data 13 de setembro de 2023 acordou a inhibición e remisión das actuacións en favor do Tribunal Supremo.

O Supremo, á vista de que Baltar ostenta actualmente a condición de senador, e existindo indicios da comisión dun feito delituoso por dicha persona aforada ante a Sala, acorda que é competente para o seu coñecemento, polo que procede á apertura do procedemento.

'Cazado' a 215 km/h... ao volante dun coche oficial

Os feitos remóntanse ao domingo 23 de abril, cando Baltar foi interceptado, segundo figura no informe definitivo da Garda Civil de Tráfico, a 215 quilómetros por hora na autovía A-52, ao seu paso por Asturianos, ao volante dun coche oficial da Deputación de Ourense. O PPdeG propuxo Baltar para ser representante da Galiza na Cámara alta apenas un mes despois de que este renunciase a seguir á fronte da Deputación após once anos no cargo. Despois de non lograr a maioría absoluta na corporación provincial nas eleccións do 28 de maio, buscou así facilitar que o seu partido puidese conservala, segundo defendeu el mesmo.

A renuncia de Baltar permitiu un cambio de ciclo na institución provincial, se ben ficou en mans do PP, despois de máis de tres décadas ligadas ao seu apelido —primeiro da man do seu pai, José Luis Baltar, e despois baixo o seu mandato—. Agora preside a institución o alcalde do Pereiro de Aguiar, Luís Menor, da órbita de confianza da dirección galega do PP.

O BNG exixe a dimisión inmediata de Baltar

A deputada do BNG Noa Presas exixiu esta terza feira a dimisión de Baltar após coñecerse a causa aberta no Supremo. "É unha absoluta vergoña para todos os galegos e galegas que esta persoa teña o cargo de senador por designación autonómica", asegurou a deputada ourensá, que destacou que a decisión da Xustiza confirma que existen "indicios moi graves" cometidos por Baltar "no exercicio de cargo público e por riba con recursos públicos", pois os feitos polos que se van investigar ao tamén ex presidente do PP de Ourense datan de abril, cando, sendo presidente da Deputación, Baltar foi interceptado a 215 quilómetros por hora conducindo un coche propiedade do organismo provincial.

A deputada nacionalista subliñou tamén que o Supremo decide agora abrir causa penal "porque o PP estivo conchabado co señor Baltar nunha estratexia de dilación ante a Xustiza". "Con este historial", denunciou, "o PP o que fixo foi premiar o señor Baltar co cargo de designación autonómica para así sortear os problemas internos do seu partido".

É por iso que Noa Presas instou o presidente da Xunta e mais do PP na Galiza, Alfonso Rueda, a exixir a Baltar a súa renuncia no Senado. "Ante estes novos feitos, Baltar ten que dimitir e, se non o fai motu proprio, o señor Rueda tenllo que exixir, se é que aínda lle queda algo de peso político", concluíu.

Comentarios