"Tiña que ter denunciado eu, que fun o agredido": Xácome declara pola agresión a unha sindicalista

Os feitos remóntanse ao 3 de maio do 2022, no marco da folga do transporte urbano en Ourense debido ás diferenzas entre a patronal e o comité da empresa á hora de negociar o convenio laboral.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, intres despois de agredir a sindicalista de CCOO. (Foto: Twitter)
photo_camera Xácome, intres despois de agredir a sindicalista de CCOO. (Foto: @JacomeIsFake/Twitter)

O Xulgado de Instrución número 1 de Ourense acolleu esta terza feira o xuízo contra o rexedor de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, pola agresión a unha sindicalista nunha manifestación decorrida o pasado 3 de maio.

"Arrepíntome de non denunciar eu, que fun quen sufriu a agresión", alegou o alcalde durante a súa comparecencia no xulgado, onde defendeu a súa actuación, que xustificou porque di sentirse "ameazado" no momento no que a denunciante, Lola Panero, lle achegou un megáfono.

Tanto a Fiscalía como a acusación particular que exerce a prexudicada impútanlle ao alcalde un delito leve de malos tratos de obra. A Fiscalía solicita un mes de multa a razón de dez euros ao día, mentres que a acusación particular pide 45 días de multa a razón de cincuenta euros ao día e unha indemnización de 1.500 euros para a denunciante, tendo en conta o soldo do rexedor que, consultado na sala dixo que é de "70.000 euros brutos".

Os feitos remóntanse ao 3 de maio do 2022, no marco da folga do transporte urbano en Ourense debido ás diferenzas entre a patronal e o comité da empresa á hora de negociar o convenio laboral.

Ese día, ao redor das 10 horas, estaba convocada na Praza Maior da cidade unha concentración por parte dos manifestantes entre os que se atopaban representantes do Comité de Empresa, CIG, UXT e Comisións Obreiras.

Unha representante deste último sindicato recibiu un empuxón por parte do alcalde. Segundo a súa versión, achegouse a Xácome con intención de ofrecerlle o megáfono mentres pedía que "achegase unha solución ao conflito". Tras varios intentos de pasarlle o megáfono, o alcalde apartouna empuxándoa.

Naquel momento Xácome explicou que a actuación foi "en defensa propia" e que "a sindicalista liberada, que nin sequera traballa nesa empresa" meteuse " no seu espazo de forma exaltada" e "vociferando" polo que "temeu" que se producise "unha agresión acústica" que chegase a provocarlle a ruptura do tímpano.

Pérez Xácome recoñeceu no seu momento que "se tivese un par de segundos máis para pensar tería feito outra cousa", pero "viu unha ameaza" e admitiu que el lle deu "un empuxón".

Versión da afectada

Na sesión oral desta terza feira, a prexudicada, Lola Panero, asegurou sentirse "degradada como persoa" e insistiu en que se achegou ao alcalde, co megáfono, "con boa fe para resolver o conflito".

"Despois non sei que pasou, tivo unha actuación rarísima, quedei paralizada", declarou a sindicalista, que mantivo que "non quixo provocar" ao rexedor.

Negou que puxese o megáfono "no oído" do alcalde ou "na súa cara". Tamén negou berrarlle e lamentou que despois do sucedido "o alcalde non se desculpou nin interesou".

Comentarios