O Pleno de Ourense aproba solicitar a dimisión de Xácome por unha ampla maioría

"Ourense ten o alcalde máis covarde da historia", defendeu a bancada popular durante o pleno decorrido esta sexta feira.
Pérez Xácome durante o pleno en que se pediu a súa dimisión (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
photo_camera Pérez Xácome durante o pleno en que se pediu a súa dimisión (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).

O pleno da Corporación do Concello de Ourense aprobou con ampla maioría, co voto a favor de 22 dos 27 concelleiros que a conforman [rexeitárona os edís de Democracia Ourensá (D.O.) e o ex concelleiro de Cidadanos (Cs) Laureano Bermello, agora nos non adscritos], unha moción para pedir a dimisión de Gonzalo Pérez Xácome.

Precisamente, este defendeuse da polémica suscitada despois de transcender que, na Cabalgata de Reis da cidade, o home que representou o Rei Baltasar tiña dúas condenas por abusos sexuais.

Xácome sostivo en todo momento descoñecer tales antecedentes e, ademais, dixo que a "lei só exixe o certificado de penais para contacto habitual e regular" e non para eventos "ocasionais".

Así o manifestou ao redor das 13.30 horas, máis de catro horas despois de que comezase o pleno ordinario, aínda que non foi até ese momento cando o propio rexedor asegurou, en modo irónico, que "o pleno empeza agora".

Así, fixo alusión a que o debate sobre a polémica "era o momento máis esperado do día". "Aproveiten vostedes se queren lucirse mediaticamente. Temos unha moción de urxencia que nos trae aquí o Partido Popular", indicou.

Con estas palabras, deu paso á moción de urxencia na cal os populares pedían a súa dimisión por esta polémica e por non saír antes a dar explicacións sobre o tema.

A encargada de defendela foi a portavoz popular, Flora Moure, que preguntou "quen fixo a vista gorda". "Quen non fixo o seu traballo exixindo o certificado de penais?", cuestionou a dirixente popular.

"O alcalde máis coverde da historia"

"Todas as preguntas teñen a mesma resposta, señor alcalde, pero non todas a mesma gravidade", proclamou Moure asegurando que ao alcalde "encántanlle os titulares que inclúen 'a máis da historia'" e que este ano, agregou, Ourense "logrou a cabalgata máis vergoñosa da historia, a máis irresponsábel da historia e a máis perigosa da historia", e, ademais, ter "o alcalde máis covarde da historia".

"Non falariamos disto se dese a cara ao longo da semana, teriamos xa as explicacións", esgrimiu a popular, que criticou que o rexedor "é incapaz de asumir responsabilidades" e "dar explicacións", sinalando deste modo que "non é digno de estar a representar o Concello e ten que dimitir".

Pola súa parte, o alcalde dixo que a cabalgata "foi a mellor da historia superando a do ano pasado" e que "todo saíu perfecto".

Deste modo, criticou que a petición dos populares se ampara na lei 26/2015, unha lei que, asegurou, "está anulada e foi substituída por unha de 2021" que "só exixe os certificados de penais a quen teña contacto habitual con persoas menores de idade que conleven un trato repetitivo, regular e non ocasional".

Comentarios