Ourense

O PP, Baltar incluído, súmase ás peticións de dimisión de Xácome pola polémica co rei Baltasar

O alcalde segue a gardar silencio e limítase a cuestionar a veracidade da información en Twitter: "Cres a versión dos medios?".
Manuel Baltar e Gonzalo Pérez Xácome, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Manuel Baltar e Gonzalo Pérez Xácome, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

O grupo municipal do Partido Popular de Ourense reclamou esta cuarta feira a dimisión do rexedor ourensán, Gonzalo Pérez Xácome, pola súa responsabilidade na designación dun condenado reincidente por abusos sexuais para encarnar o rei Baltasar na cabalgata de Reis. Os populares, que facilitaron a elección de Xácome como alcalde en 2019 e formaron parte do seu goberno en distintas etapas ao longo do presente mandato, rexistraron agora unha moción de urxencia para o seu debate e aprobación no pleno do concello desta sexta feira na que exixen a renuncia do líder de Democracia Ourensana.

A formación conservadora súmase así a BNG e PSdeG, que xa na segunda feira urxiran ao alcalde explicacións polo acontecido, que vulnera a lexislación vixente en materia de delitos sexuais. Din que, precisamente, a cabalgata de Reis "é unha actividade multitudinaria" que "concentra miles de nenos e nenas" e, por iso, consideran "extremadamente grave" que uno dos tres protagonistas "fose un condenado reincidente por abusos sexuais".

"Sen entrar en cuestións xudiciais, o preocupante é a irresponsabilidade política", afirman, de quen permitiu que unha persona condenada por este tipo de delitos fose protagonista dun evento infantil e familiar, e en concreto do "máis importante do ano". Aliás, subliñan que o rexedor "xa contou con esta persoa nalgunha outra ocasión, porque é próximo ao seu círculo de confianza".

"O despropósito é de tal magnitude que o máximo responsábel deste suceso tan lamentábel, o señor alcalde, négase a dar explicacións", criticou a portavoz popular municipal, Flora Moure, como xa fixeran os seus homólogos no grupo municipal nacionalista, Luís Seara, e socialista, Natalia González. Ao mesmo tempo, lembrou, precisamente, que todos os grupos políticos reclamaron unha xunta de portavoces para coñecer o que pasou.

Após coñecer a posición do seu partido, Manuel Baltar, que mantivo a Deputación grazas ao apoio de Democracia Ourensana, apoiou as reiteradas peticións de dimisión: "Somos un partido cunha acción única e asumo o que eles expoñan no concello de Ourense. Como presidente da formación amparo esa solicitude, como todo o que piden os grupos municipais do Partido Popular nos 92 concellos da provincia", manifestou.

Pola súa parte, o alcalde ourensán, que fora contactado —sen éxito— por Nós Diario na segunda feira, segue a gardar silencio e limítase a cuestionar a veracidade desta información interactuando en Twitter cun usuario: "Que erros? [...] Cres a versión dos medios?".

Comentarios