Entrevista

Uxía Oviedo, alcaldesa de Maceda (PSdeG), a máis nova do país: "Temos que conseguir que a mocidade volte aos concellos rurais"

É a responsábel máis nova nunha Alcaldía galega e tamén a primeira muller que exerce a responsabilidade en Maceda. Uxía Oviedo (Maceda, 2000) sorprendeu ao conseguir unha alcaldía que, desde 1979, foi rotando por todas as organizacións políticas, con momentos moi convulsos (mocións de censura e transfuguismos diversos). Un concello que polo demais é capaz de manter un pulso vivo, nunhas décadas nas que a vida nas entidades rurais sofre gravemente as feridas infrinxidas pola planificación económica que as abandona deliberadamente.
Uxía Oviedo é a rexedora máis nova da Galiza. (Foto: Xan Carballa)
photo_camera Uxía Oviedo é a rexedora máis nova da Galiza. (Foto: Xan Carballa)

—Nos resultados electorais de Maceda, e no ascenso da lista do PSdeG que vostede encabezou e coa que alcanzou a Alcaldía, obsérvase un grande impulso de votos da xente nova. Como o interpreta?
Significa que en Maceda hai futuro, porque a xente nova acredita nel e non se desvinculou do proceso político. Iso é importante porque somos un concello pequeno, duns 3.000 habitantes, no que hai que marchar estudar fóra e estannos dicindo que esa mocidade quere manter o vencello. A xente nova ten interese na política, pero é esta a que ás veces esquece a mocidade. É difícil así que se implique máis, cando por outra parte non lle dá solucións á súa vida.

Como grupo social no que me inclúo necesariamente por idade, temos moitos problemas derivados destes anos de incerteza, da Covid, da guerra, da suba dos prezos… e vímonos sós, coa sensación de que faltaban políticas que nos respaldasen. Creo que esa é clave do distanciamento.

—Sorprende a súa idade nun cargo institucional, pero vén dunha familia comprometida desde hai décadas. Seu pai [Xabier Oviedo, alcalde entre 2011 e 2015] formou no BNG, Compromiso por Galicia e finalmente no PSdeG.
No meu caso, sendo cativa, cando moitos dicían que de maiores querían ser médicos ou astronautas, eu dicía que quería ser alcaldesa [sorrí], quería traballar polo meu concello, porque sempre vin a política como unha ferramenta para mellorar a vida de veciños e veciñas. A política municipal é o máis achegado que hai. Foi unha meta na miña vida que non pensei que fose chegar tan pronto, pero é unha oportunidade que cando chega hai que afrontala. E, ademais, benefíciome da experiencia de meu pai, que coñece polo miúdo os mecanismos municipais. Nestes primeiros meses sérveme de moita axuda para asentarme. Pero a alcaldesa son eu e os dous sabemos moi ben quen somos.

—Os seus estudos de Belas Artes non son o estándar habitual nesta actividade político-institucional.
Na miña familia, política e cultura foron actividades que vivín intensamente. Meu pai tiña moita afección pola música e eu polas artes plásticas, e a pintura en particular. A vida ten que ter intereses diversos, penso que é unha boa chave para que as cousas funcionen.

—Se facemos unha radiografía de Maceda, sabemos que é unha cabeceira de comarca importante historicamente, pero cun devalo de décadas. Cales son os desafíos principais?
O económico, común a todos, é unha prioridade. Maceda foi un concello con moita vida e comercio e levamos un tempo no que o rural sofre un continuo desleixo. O reto é buscar xeitos de fixar poboación e que a xente siga vencellada á vila. En parte conseguiuse, pero non podemos despistarnos. Debemos lograr ser un destino atractivo.

—Fixeron un acordo político co BNG. É forte? Pregúntoo porque en Maceda sempre houbo unha situación política complexa.
Acordamos varios eixos importantes sobre os servizos que precisa un concello cunha media de idade alta, e ademais repartida por 54 núcleos de poboación, o que aumenta a complexidade. Non é doado, pero a obriga do concello é mellorar toda esa atención social que lles permita seguir vivindo nos seus lugares, ben conectados, acabar co abandono que vivimos nestes anos. Temos que aproveitar todos os factores que atraen a xente a Maceda (aí entraría tamén a cultura con forza, temos un Entroido importante a potenciar), e temos que mellorar moitos aspectos, por exemplo o transporte público, que é un problema xeral en toda Galiza, pero nós sufrimos particularmente con liñas escasas. Todo será máis doado se podes desprazarte a Ourense sen coche particular.

O acordo co BNG é moi sólido. Meu pai estivo nesa casa, eu coñezo a xente desde a miña infancia, e temos unhas relacións moi boas, superados os problemas que tivemos anos atrás. En política, o que ten sentido é mirar para adiante e colaborar en solucionar os problemas de Maceda. 

—Maceda leva todo o verán co centro urbano en obras.
É unha actuación que atopamos e debía xa estar encauzada. Empezou mal porque provoca inundacións, dado que se fixo en moitas fases ás veces pouco coordinadas. Estamos conversando coa Xunta porque antes de pavimentar, hai que rematar as obras de tubaxe e que non teñamos que volver atrás, porque a auga nos períodos de tormentas é un problema grave. Se se fai un gasto público, hai que facelo ben e non tirar os cartos e volver empezar cada pouco.

—A fin da saga Baltar en Ourense, onde o PP segue tendo unha esmagadora maioría, pode supor un novo tempo?
A Deputación ten un grande poder e influencia nos concellos. Sobre todo no rural é unha peza fundamental. Pero creo que veñen tempos novos, con matices diferentes, porque sempre que hai mudanzas, en mecanismos de moitos anos teñen reflexo. Irémolo vendo porque aínda nos estamos instalando, pero manteño a esperanza de lograr o apoio da Deputación nos proxectos que formulemos os concellos rurais pequenos.

—Na toma de posesión, o discurso do alcalde do PP saínte [Rubén Quintas] foi bastante conciliador para o habitual nestas transicións e nesta época.
Somos todos veciños e, de entrada, todos nos presentamos para conseguir que gañen as condicións de vida en Maceda. Propós un proxecto que cres que é o mellor, e en segundo plano está a competencia partidaria. A xente decide darche unha responsabilidade e tes que aceptar o escrutinio do que fas.

—Cando fala de dar servizos, todos os concellos quéixanse de que recaen sobre eles, sen financiamento, competencias impropias que debería atender a Xunta da Galiza, que moitas veces zafa. Vostede mesma ten que afrontar unha situación orzamentaria con moita débeda.
Témola, e contamos con moitas  competencias que non se corresponden cos cartos que achegan as institucións que temos por riba (Xunta, Deputación, Goberno central…). O reto é saír con ben dese entrampamento: dar moitos servizos pero conseguir pagalos e non colapsar. Un exemplo disto que falamos é a limpeza dos predios na loita preventiva contra os incendios forestais. Está moi ben pensado no papel, pero un concello como o noso, e outros moi parecidos, temos moi complicado xestionalo, porque non imos ao problema de raíz, que foi o abandono desde hai moitos anos das terras sen produción, que axiña son ocupadas por masas vexetais sen control. E canta menos xente e máis vella, máis peso recae nos concellos que carecemos de posibilidades, cando a escala do problema é unha marea sen fin. 

—A posibilidade de mancomunar esforzos con outros concellos limítrofes é posíbel? [A comarca Allariz-Maceda comprende tamén os concellos de Baños de Molgas, Paderne de Allariz, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadanedo; pero a Mancomunidade de concellos está formada sen Allariz e, a maiores, integra Esgos, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, San Cibrán de Viñas e Pereiro de Aguiar].
É unha posibilidade e temos algúns servizos compartidos, pero o servizo de lixo, por exemplo, cubrímolo directamente coa Deputación. Mantemos conversas, e xa fun falando con outros alcaldes, para unir esforzos e, por eses camiños de colaboración, non queda outra que avanzar.

—Fala vostede de aumentar o peso cultural da acción municipal. Penso na situación do Castelo, ou na Biblioteca Francisco Carballo. Que liñas 
quere seguir?

Levamos moito tempo no que o peso da cultura na acción do concello foi moi reducido e as nosas riquezas nese eido non están coidadas. Temos que volver atendela porque a cultura é clave na vida das persoas e tamén ten que ter presenza nos núcleos rurais e estarmos á altura do século XXI. Temos que coidar a biblioteca, porque un concello que non olla para a súa biblioteca municipal estase retratando negativamente.

—En 2009, frustrouse o nacemento dun centro de maiores. Fixérase o edificio, pero na etapa de Alberto Núñez Feixoo botou anos sen abrir e desde hai tempo faino en parte como centro de día. Contempla recuperar a idea inicial? Parece que a demografía de Maceda segue reclamándoo.
Boa parte do edificio segue sen utilizarse e teremos que conseguir que se poña a pleno rendemento. Nacera co Goberno bipartito (2005-2009), pero co cambio de Executivo, a Xunta optou por deixalo fechado. Hai oito anos déronlle este uso limitado, pero temos que poñelo en marcha, porque moitas veciñas e veciños que o precisarían teñen que marchar fóra. A nosa obriga é darlle ese servizo aquí, onde están as súas familias e non afastalos moitos quilómetros… no fondo por razóns políticas.

Comentarios