CRÓNICA | Debate de investidura

A supervivencia política de Feixoo complícase aínda máis tras fracasar na súa investidura

Feixoo non suma. O candidato do PP á presidencia do Goberno español só conseguiu reunir os votos das forzas situadas máis á dereita. Mentres o PSOE ve despexada a investidura de Sánchez co apoio dos nacionalistas, os populares enfróntanse a un conflito interno.

Alberto Núñez Feixoo, esta cuarta feira, durante a sesión no Congreso dos Deputados. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, esta cuarta feira, durante a sesión no Congreso dos Deputados. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A primeira sesión de investidura de Alberto Núñez Feixoo rematou segundo o previsto. O candidato popular non alcanzou os votos necesarios para ser proclamado presidente do Goberno do Estado español, ao sumar só o apoio de 137 deputados da súa formación, 33 de Vox, 1 de Coalición Canaria e 1 da Unión del Pueblo Navarro (UPN). Na súa contra situáronse o resto de organizacións da Cámara Baixa, que lograron 178 sufraxios, e, salvo sorpresa, impedirán que Feixoo sexa proclamado a vindeira sexta feira como xefe do Executivo por maioría simple.

As dúas xornadas do debate de investidura serviron para evidenciar a debilidade de Feixoo. Malia que o candidato popular pretendeu dar un sinal de fortaleza coa presenza, na terza feira, dos presidentes autonómicos do PP na tribuna de convidados, os resultados foron outros. Neste sentido, a súa intervención semellou máis a dun xefe da oposición que comeza co seu labor de fiscalización e control do Goberno que a dun aspirante a liderar un novo Executivo. Asemade, o candidato popular desvelou unha absoluta falla de apoios, máis alá das formación situadas na extrema dereita da Cámara.

As forzas nacionalistas de Euskal Herria e Galiza marcaron a discusión na xornada de investidura desta cuarta feira. A este respecto, a voceira de Euskal Herria Bildu (EH Bildu), Mertxe Aizpurua, acusou Feixoo de representar "a dereita e a extrema dereita". "Nós estamos do lado correcto, do lado dos dereitos humanos, do lado do antifascismo", afirmou, e nesta orientación, argumentou que “as hipotecas que pesan sobre as nosas nacións e sobre as maiorías populares e traballadoras do conxunto deste Estado deben ser levantadas. Este é o compromiso histórico que vimos expor”.

O voceiro do Partido Nacionalista Vasco (PNV), Aitor Esteban, afeoulle a Feixoo a súa investidura, sinalando que “levamos varios meses con este proceso, que non serve para nada. É vostede candidato á Presidencia sen ter os apoios necesarios. Nós caracterizámonos polo diálogo, mais no PP dependen de Vox, e así non podemos negociar”. O deputado do PNV, que intercalou éuscaro e español na súa intervención, asegurou que “hai unha nación vasca que quere seguir existindo. Temos un idioma propio. Somos unha nación cun idioma propia falado a ambos lados dos Pireneos”.

Néstor Rego

O portavoz do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Néstor Rego, que se expresou exclusivamente en galego, arrancou a súa intervención referíndose a Feixoo para espetarlle que “o BNG vai votar non na súa investidura”. Nesta liña, reprochoulle que “ser galego, sendo da dereita rancia do PP, non só non é garantía de nada para a Galiza, senón máis ben certeza de políticas antigalegas”. Ao tempo, denunciou o trato a Galiza dos Executivos españois liderados polo PP lembrando que “o investimento no país no último orzamento de Zapatero chegou a 2.000 millóns de euros e nas últimas contas de Raxoi, a 900 millóns de euros”.

A xestión de Feixoo á fronte do Goberno galego pairou sobre o debate de investidura. Nesta perspectiva, Rego resumiu que “o seu legado na Galiza déixanos peores servizos públicos, ningunha residencia pública construída durante os seus mandatos na Xunta. Tamén recortou na sanidade pública para favorecer a privada. É responsábel de políticas que atacan a lingua galega, como o mal chamado ‘decreto do plurilingüismo’ que prohibe dar materias na nosa lingua”. Tamén culpou o candidato popular da "crise industrial  galega, que vai camiño de cronificarse, tras destruír máis de 40.000 empregos".

Feixoo e Galiza

Feixoo replicou a Rego defendendo as súas políticas como presidente galego, moi particularmente as desenvolvidas en materia lingüística. Neste sentido, afirmou que se basean na "cordialidade" e o "respecto", destacando que "se van a Galiza, verán que non hai un só galego que teña ningún problema con vostedes se non lle falan en galego". Porén, o anterior presidente da Galiza negouse a formular ningunha proposta referida ao país, como si fixo con practicamente todo o resto das nacións e comunidades do Estado.

O candidato popular aproveitou a intervención para lle recriminar ao voceiro do BNG a súa negativa a reunirse con el con carácter previo á sesión de investidura. Nesta liña, aseverou: "Cre que os votantes do BNG preferiron que vostede non falase comigo para falar de Galiza? Vostede realmente cre que así cumpre as súas obrigacións como deputado no Congreso? Vostede di que con Feixoo non hai nada que falar, en todo caso falar del para insultalo".

O previsíbel fracaso dos populares na sesión de investidura da sexta feira abrirá un tempo político diferente na política estatal e na galega. O reloxo comezará a correr en contra dos socialistas, que deberán axilizar os acordos cos seus posíbeis parceiros de cara a sacar adiante a candidatura de Pedro Sánchez. Ao tempo, os populares entrarán nun proceso de conflito interno provocado pola necesidade de atopar un novo liderado e de acometer, coa máxima urxencia, cambios na súa estrutura de dirección. Por último, Alfonso Rueda deberá decidir a data dos comicios galegos e, moi particularmente, o seu adianto ou non nun contexto que se prevé complexo para O PP e cun Goberno estatal dirixido, seguramente, polos socialistas, pero condicionado polas forzas nacionalistas. 


Sectores do PP dan por amortizado como candidato Alberto Núñez Feixoo

Alberto Núñez Feixoo someteuse a unha investidura que sabía fracasada de antemán para manterse como presidente do Partido Popular. A decisión de pelexar esta posibilidade diante do xefe de Estado e de formalizar a súa candidatura cunha correlación de forzas adversas explícase polos xogos de poder dentro da súa organización e pola contestación interna ao seu liderado por parte dos sectores próximos á presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, e ao ex presidente español José María Aznar. Neste sentido, as críticas contra Feixoo exteriorizáronse xa a propia noite electoral do 23 de xullo, cando a maioría dos militantes e simpatizantes presentes no acto da madrileña rúa Xénova recibiron con indiferenza Feixoo e con berros de "presidenta, presidenta" a Díaz Ayuso.

Un dos principais obxectivos de Feixoo desde a derrota é subsistir como máximo responsábel da formación e conseguir unha segunda oportunidade para volver presentarse como candidato á presidencia do Goberno do Estado na próxima convocatoria electoral. Se a práctica totalidade dos pesos pesados do PP asumen que non está previsto un relevo de Feixoo a curto prazo, boa parte deles entenden que está amortizado como candidato, polo que defenden elixir un novo liderado para o partido nun prazo de dous anos. Nesta carreira sucesoria parten con vantaxe Díaz Ayuso e o seu homólogo andaluz, Juan Manuel Moreno Bonilla. For un destes ou outros, a carreira política do ex mandatario galego con 62 anos cumpridos, chegaría á súa fin.

Comentarios