Debate de investidura

VÍDEO | "Sancho, si, non": o deputado do PSOE que dixo 'si' a Feixoo e provocou o balbordo no Congreso

Herminio Rufino Sancho Íñiguez, deputado do PSOE por Teruel, protagonizou a anécdota da xornada votando por erro 'si' á investidura de Alberto Núñez Feixoo.
O deputado socialista Herminio Sancho, desde o seu escano, logo de votar 'si' a Alberto Núñez Feixoo. (Foto: RTVE)
photo_camera O deputado socialista Herminio Sancho, desde o seu escano, logo de votar 'si' a Alberto Núñez Feixoo. (Foto: RTVE)

O deputado do PSOE por Teruel Herminio Rufino Sancho Íñiguez protagonizou esta cuarta feira a anécdota da segunda sesión do debate de investidura do candidato do PP á Presidencia do Goberno español, Alberto Núñez Feixoo, logo de apoiar a viva voz que o líder popular fose elixido. Un voto erróneo, porén, que corrixiu deseguido.

O socialista turolense dixo claramente 'si' despois de que a secretaria segunda da Mesa do Congreso, a tamén socialista Isaura Leal, protagonizase outro erro ao pronunciar mal o primeiro apelido do deputado, pois no canto de 'Sancho' dixo 'Sánchez'. Aínda así, Sancho Íñiguez ergueuse e manifestou un voto afirmativo, o que provocou o balbordo na bancada do PSOE.

A propia Isaura Leal decatouse ao momento de que o deputado votara 'si' a pesar de que a orde do partido era rexeitar a investidura do líder do PP. "Si, non, perdón?", dixo a secretaria da Mesa, visibelmente contrariada, mentres Sancho, que xa sentara no seu escano, volvía incorporarse e facía diferentes xestos coas mans desde o seu escano pedíndolle que agardase.

O deputado aclaroulle a berros que ela dixera mal o seu apelido —'Sánchez' no canto de 'Sancho'—, tras o que Leal pediu desculpas e despois Sancho, cunha risa nerviosa, rectificou e votou 'non'. O episodio foi recibido entre gargalladas no salón de plenos malia o momento inicial de incerteza e tensión ante a posibilidade de que fose un episodio de 'transfuguismo', pero despois a votación continuou con normalidade.

Posteriormente, en declaracións aos medios unha vez concluída a votación, o parlamentario socialista tentou xustificar o erro alegando que o 'si' era a confirmación de que o seu apelido, Sancho, estaba finalmente ben pronunciado, e que o 'non' era a Feixoo:

—O meu apelido é Sancho, en honor á miña familia.
—E que quería dicir con ese 'si'?
—Sancho, si, non.
—Como?
—Eu son Sancho, si, non Sánchez. Dixen 'Sancho, si', e logo 'non' [á investidura de Feixoo].

Comentarios