Sumar, coa vista posta xa nas eleccións galegas: esta semana rexistrarase como partido mentres atrae outras formacións

A formación de Yolanda Díaz traballa nunha lista para as autonómicas.
Yolanda Díaz e Marta Lois son as principias referencias de Sumar na Galiza (Foto: Europa Press).
photo_camera Marta Lois e Yolanda Díaz son as principais referencias de Sumar na Galiza. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

A próxima convocatoria das eleccións galegas está a acelerar os movementos políticos nas diversas formacións que aspiran a concorrer a eses comicios. Mentres PP, BNG e PSdeG están xa lanzados en precampaña, Sumar, a organización articulada arredor de Yolanda Díaz, prepárase para facer pública a súa comisión promotora na Galiza.

Sumar rexistrarase esta semana como partido e dará a coñecer a súa comisión promotora na Galiza. O proceso de presentación da organización formalizase após un proceso de contacto con persoas independentes e organizacións políticas que terían expresado a súa disposición a participar nunha coalición electoral de cara as eleccións galegas. Neste sentido, esta segunda feira continuaron as reunións entre representantes da formación de Díaz e algunha destas organizacións.

A plataforma liderada por Yolanda Díaz desenvolve na actualidade a súa actividade en dúas frontes. A un tempo, centra as súas tarefas para dotarse dunha base social e dunha estrutura organizativa que supere os lindes actuais do espazo político e traballa para atraer outros actores políticos a súa candidatura para os comicios galegos. Fontes coñecedoras do proceso sinalaron a Nós Diario que as conversas con outros grupos van a un ritmo razoábel.

A dirección estatal de Sumar quere evitar os erros cometidos na conformación das candidaturas de Galiza en Común nas eleccións galegas de 2020. Na súa lectura, o proceso de elaboración das mesmas condicionou o resultado final da formación, que ficou fóra do Parlamento, polo que apostan por unha metodoloxía que evite conflitos polas listas entre os diferentes actores.

Os contactos entre as distintas formacións sucédense sen pausa no último mes. Precisamente, a comezos de outubro, Podemos fixo pública a súa aposta por unha candidatura conxunta con Esquerda Unida e Sumar, se ben a formación morada non se fecha a incluír novos actores. Nesta liña, as fontes desa organización apostan por unhas listas para as eleccións galegas elixidas por primarias.

Esquerda Unida, que xa fixo parta das candidaturas de Sumar para as eleccións estatais, traballa cos outros actores interesadas no proxecto en conformar unha coalición electoral de cara aos comicios galegos. Neste sentido, reclaman “un acordo nun espazo democrático” con Sumar e Podemos; porén, non descartan a incorporación doutras “forzas máis pequenas”. Así e todo, consideran que “o urxente neste momento” é fechar a candidatura para as eleccións galegas.

Interior Galego Vivo fixa postura para as eleccións galegas

Interior Galego Vivo, partido político que agrupa diversas candidaturas municipalistas de Chantada, Terra de Lemos, Verín, Terras de Viana e Terra de Caldelas, é outra das organizacións que Sumar quere atraer a súa candidatura para as galegas. Neste sentido, acordou facultar “a coordinadora para explorar a través de relacións políticas fórmulas de concorrencia electoral ás eleccións galegas e europeas do 2024, sen apriorismos nin alianzas fechadas para todos os procesos, que permitan formular acordos amplos”.

Interior Galego Vivo definiu o pasado sábado nunha asemblea decorrida en Chantada a súa folla de ruta para concorrer aos comicios galegos. Neste sentido, o partido do cal é coordinador xeral Antom Fente Parada, portavoz de Por Chantada, e responsábel de Organización Paula Vázquez Verao, voceira de Agroma Sober, defendeu “o diálogo permanente con outras opcións que permiten artellar, desde unha xeometría de alianzas variábel onde prime o noso horizonte estratéxico, frontes amplas para avanzar en dereitos e mellorar a calidade de vida das nosas poboacións”. O partido apostou por “estabelecer relacións políticas co obxectivo de concorrer electoralmente se se dan as condicións e as garantías que permitan facernos avanzar programática e organizativamente”.

Comentarios