Podemos: “Pedro Sánchez e Yolanda Díaz botáronnos do Goberno”

O partido morado asegura que ven “cortadas as posibilidades de transformacións profundas” coa conformación do novo Executivo.

pablo fernánez podemos isa sierra
photo_camera Pablo Fernández e Isa Sierra (Foto: Podemos)

Non houbo sorpresas e tal e como se daba por certo, no novo Goberno español non hai representantes de Podemos. Unha ausencia que vén após días, máis ben semanas, de reproches, tiras e afrouxas e desencontros entre a formación morada e Sumar

Esta segunda feira, os coportavoces estatais de Podemos, Pablo Fernández e Isa Sierra, sinalaron directamente a Pedro Sánchez e Yolanda Díaz como responsábeis da ausencia de representación no novo equipo de Goberno español: "Pedro Sánchez e Yolanda Díaz botaron a Podemos do Goberno para que o PSOE estea cómodo, para que non haxa ninguén no Consello de Ministros que diga verdades incómodas ou que presione ao Goberno pola esquerda", dixo Fernández.

Podemos acusou a líder de Sumar, Yolanda Díaz, de ser a "colaboradora necesaria" de Pedro Sánchez para "expulsarnos" do Goberno cun organigrama que, ao seu xuízo, persegue que o PSOE estea "cómodo".

Ante iso, proclamou que van manter a súa autonomía fronte a Sumar no Congreso, como marca a súa folla de ruta, e que actuarán acorde á súa forma de facer política no Congreso.

Así o trasladaron en rolda de prensa, para profundar no afastamento con Sumar, ao definir como "treta" e "manobra bastante burda" a oferta de que o ex dirixente de Podemos, Nacho Álvarez, representase o partido morado, cando os seus rexistrados avalaron na consulta sobre a súa nova folla de ruta que a súa opción era que Irene Montero repetise á fronte de Igualdade.

Durante a súa comparecencia, Fernández recriminou que coa actual organigrama gobernamental gaña as posicións máis "conservadoras" do PSOE, ao cualificar como "lamentable" que continúen como ministros Fernando Grande Maslaska (Interior) e Margarita Robles (Defensa).

Comentarios