Debate de investidura

Podemos carga contra Sumar e cuestiona o papel de Marta Lois: "Faltoulle nervio democrático e loita ideolóxica"

O deputado 'morado' Javier Sánchez Serna móstrase crítico de novo co rol asignado á súa formación dentro da coalición, pois ningún representante de Podemos interveu no debate de investidura como si o fixeron Enrique Santiago (PCE) e Aina Vidal (Comuns), canda unha Marta Lois á que culpa de perder o protagonismo en favor dun PSOE "que parecía Podemos" co discurso de Óscar Puente.
Á esquerda, a portavoz de Sumar, Marta Lois; á dereita, o deputado e dirixente de Podemos Javier Sánchez Serna. (Fotos: Carlos Luján / Europa Press)
photo_camera Á esquerda, a portavoz de Sumar, Marta Lois; á dereita, o deputado e dirixente de Podemos Javier Sánchez Serna. (Fotos: Carlos Luján / Europa Press)

O dirixente de Podemos e deputado pola candidatura de Sumar Javier Sánchez Serna cuestionou esta quinta feira a intervención da portavoz da coalición no Congreso, a galega Marta Lois, no debate de investidura de Alberto Núñez Feixoo. O parlamentario 'morado' cre que lle faltou "nervio democrático" e "loita ideolóxica" e que debería "pór o PSOE fronte ao espello". En declaracións a RNE, o coportavoz estatal de Podemos apreciou durante a réplica de Lois ao líder do PP un "intercambio de papeis sorprendente", dado que os socialistas, por medio do deputado Óscar Puente, pronunciaron un discurso "que parecía de Podemos", cun ton "contundente" e "sen medias tintas".

O PSOE, a ollos de Sánchez Serna, decidiu "saír duro" ante unha dereita política que cuestiona a lexitimidade dun futuro Goberno de coalición e mentres no horizonte poden albiscarse semanas de "confrontación". Mais Sumar, lamentou, non desenvolveu esa "disputa ideolóxica", cando debería ser o "motor e aceno de identidade" do grupo parlamentario.

"Creo que é o que esperan os nosos votantes e tamén a xente de Podemos", profundou o deputado, para logo lamentar, de novo, que a súa formación non tomase a palabra nese debate para replicar a Núñez Feixoo, como solicitaran. De feito, ao longo da xornada de onte varios cargos do partido cargaron en redes sociais contra a estratexia de Sumar na sesión, percibindo que pasaron "á irrelevancia" e que se "cedeu" aos socialistas a crítica dura ao PP, "dilapidando" así a "herdanza política" de Unidas Podemos.

Para o coportavoz de Podemos, Sumar debeu interpelar o PSOE para aclarar "para que quere gobernar" e salientar as "resistencias" a medidas icónicas da lexislatura, como o imposto ás grandes fortunas. No canto diso, lamentou, o debate foi finalmente "bipartidista", tanto no fondo como nas formas.

"Asimetría" en Sumar

Cuestionado sobre se Podemos está "acantoado" dentro do grupo confederal, Sánchez Serna defendeu que a súa formación debe seguir tendo "voz" nos principais debates, por "respecto" ao peso das súas siglas dentro da confluencia e para garantir que Sumar "é realmente unha coalición" de partidos onde todos "teñen que verse representados". A decisión de que no debate de investidura non interviñese ningún 'morado' e si Marta Lois (Sumar), Enrique Santiago (PCE) e Aina Vidal (Comuns) tampouco sentou ben dentro de Podemos.

Podemos volve criticar a ausencia dunha portavocía que si ostentan os "minoritarios" Compromís e Chunta

E, a este respecto, Javier Sánchez Serna cre que agora mesmo hai unha "asimetría" dentro de Sumar, onde partidos "perfectamente respectábeis" pero "minoritarios" ostentan portavocías adxuntas —en alusión a Compromís ou Chunta—, mentres Podemos, que ten cinco escanos, non dispón do espazo que, entende, debería ter. "Creo realmente que cando se conforman coalicións, se se quere e hai vontade de que esas coalicións perduren no tempo e sexan democráticas, ten que tratarse a todos os socios por igual", reiterou.

En calquera caso, Sánchez Serna confiou en que esta situación "se corrixa" cedo e, entre tanto, reivindicou que Podemos seguirá mostrando a súa voz en entrevistas ou roldas de prensa no caso de "seguir fóra" dos debates parlamentarios. Mais si descartou calquera ruptura de Podemos coa coalición Sumar, cando menos no curto prazo.

Comentarios