O subdirector de Nós Diario debate en Catalunya sobre o estado dos medios de comunicación

Alberte Mera compartiu palestra con Martxelo Otamendi (Berria) e Gemma García (La Directa).

Alberte Mera (segundo pola esquerda), con Martxelo Otamendi, Gemma García e Jordina Salvat. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Alberte Mera (segundo pola dereita), con Martxelo Otamendi, Gemma García e Jordina Salvat. (Foto: Nós Diario).

O subdirector de Nós Diario, Alberte Mera, participou onte na primeira palestra das xornadas ‘Será mellor a vida que vendrá’, organizadas no marco da Escola d’Estiu da CUP no Centro Cultural Nau Bastik de Barcelona.

Desenvolta logo dun acto inaugural da man de Carles Riera e Marcel Vivet, o obxecto de debate foi o momento actual do xornalismo, o estado dos medios de comunicación, os retos necesarios e os límites no exercicio da profesión.

Todo no marco dunha mesa redonda coordinada por Jordina Salvat e na que ademais de Mera participaron o xa ex director de Berria, Martxelo Otamendi, e  Gemma García, da revista catalá La Directa.

O subdirector de Nós Diario comezou a súa intervención incidindo nas “dificultades” que encara o xornalismo na actualidade, pois “cada vez resulta máis difícil diferencialo od que é o márketing, a publicidade ou a xestión de contidos”.

A causa, dixo, é que detrás dos grandes medios están “corporacións que só buscan o beneficio económico”, razón pola cal “as informacións que fan nos seus medios non son xornalísticas, senón márketing”.

A maiores, Mera denunciou “a manipulación informativa, os abusos de poder e o control sobre os medios públicos”, empregando como exemplo o que acontece na Galiza coa RTVG.

Posteriormente, e facendo énfase no contexto propio dos medios de comunicación na Galiza, Alberte Mera lembrou como Nós diario ten “temas de continuidade propios” que aborda de forma practicamente solitaria, “como os eólicos, dando voz aos colectivos veciñais, sociais e ecoloxistas que protestan contra a súa proliferación; a precariedade e o negocio que se fai cos maiores nas residencias privadas e nas públicas de xestión privatizada pola Xunta; e a situación e difusión da cultura galega popular e de base”.

Nesta “axenda propia” dos pobos galego, vasco e catalán tamén incidiron as representantes de Berria e La Directa, antes debater sobre o papel dos medios de comunicación na politización social, e sobre como o xornalismo torna en piar fundamental para destapar e dar a coñecer casos de corrupción, abusos de poder ou actuacións das coñecidas como Cloacas do Estado.

Neste sentido, o representante de Nós Diario no acto recordou que o seu deber é ser “un contrapoder”, e como o seu medio “que naceu para que existise un xornal en papel en galego e para facer un xornalismo ao servizo da Galiza” sobrevive unicamente “coa subscrición popular”, xa que é “o medio máis excluído do país”.

“Fomos excluídos dos 1,25 millóns de axudas da Xunta da Galiza á prensa no ano 2022, así como dunhas axudas a dedo que os analistas estiman en 20,3 millóns, pois nin sequera son de concorrencia pública”, critica Mera, engadindo que “Feixoo, sendo xa presidente en funcións, antes de marchar a Madrid, entregou unhas axudas de 200.000 euros a Vocento, 300.000 a Cope... o mesmo pasou coas publicidades do Son do Camiño ordenadas por Rueda, pois fomos o único diario vetado”. “Consideramos que debe haber axudas, pero nun país normal terían unha transparencia no reparto e non exclusión e vetos, porque cando se exclúe a uns e a outros non o que se está facendo e premiar que te portes ben con eses poderes. Se as axudas fosen transparentes e ecuánimes, non se verían como un premio ao seguidismo, senón como unha obriga da Administración cun dereito fundamental como é o dereito a información”, concluíu.

Comentarios