O filme “Reboiras. Acción e corazón”, dispoñíbel en Filmin

Tras o éxito recollido polas salas de cinema ao longo do país, o filme sobre Moncho Reboiras, dirixido por Alberte Mera e producido pola Fundación Terra e Tempo e Nós Produtora, chega a Filmin, unha das plataformas de cinema de referencia en Europa.

Fotograma do filme 'Reboiras. Acción e corazón' (Alberte Mera, 2020). O actor Daniel Celester dá vida a Moncho Reboiras na pantalla.
photo_camera Fotograma do filme "Reboiras. Acción e corazón". O actor Daniel Celester dá vida a Moncho Reboiras na pantalla.

Máis un paso na traxectoria da película dirixida por Alberte Mera e producida pola Fundación Terra e Tempo e Nós Produtora Cinematográfica Galega que narra a vida de Xosé Ramón Reboiras Noia, Moncho Reboiras, o histórico nacionalista asasinado pola ditadura franquista en Ferrol o 12 de agosto de 1975 con tan só 25 anos de idade.

Reboiras. Acción e corazón xa se pode ver en calquera dispositivo electrónico e en calquera parte do mundo a través de Filmin, unha das plataformas de referencia do mundo audiovisual en toda Europa.

Filmin, pioneira do cinema independente, vén de incorporar no seu catálogo o filme documental sobre o destacado membro da Unión do Povo Galego (UPG), que foi a última vítima mortal do franquismo na Galiza.

Para subscritoras de Filmin e tamén para non subscritoras

A longametraxe está dispoñíbel de balde para subscritoras e subscritores de Filmin e baixo opción de aluguer para persoas non subscritoras: https://www.filmin.es/pelicula/reboiras-accion-e-corazon

Pode visualizarse en versión orixinal en galego e con subtítulos en galego, castelán, catalán, euskera, inglés e portugués.

"Na madrugada do 12 de agosto de 1975 foi asasinada a última vítima mortal da ditadura franquista na Galiza. Esta longametraxe documental leva á pantalla a vida de Moncho Reboiras desde unha perspectiva humana e política. A súa vida e o seu pensamento recréanse a través de entrevistas a 29 testemuñas que compartiron con el diversas etapas da súa vida. Ademais, a obra recrea a través de secuencias de ficción as últimas horas de Xosé Ramón Reboiras Noia e inclúe filmacións históricas e de arquivo", recolle a sinopse de Filmin.

Integran o reparto da película, que foi estreada nos cinemas en 2020, Daniel Celester, Lidia Veiga, Daniel Prieto, Carlota Mosquera e Sergio Alfonso. A música corre por conta de Alex Salgueiro e Marcos Paino.

O filme fíxose realidade após unha campaña de micromecenado impulsada pola Fundación Terra e Tempo.

Comentarios