28-M

Só 5 dos 15 deputados galegos que se presentaron como cabezas de lista nas municipais poderán gobernar

20% dos parlamentarios autonómicos (11 do PPdeG e catro do BNG) batéronse na area local para tratar de facerse co bastón de mando dos seus respectivos concellos.
Pontón, no centro, cos futuros alcaldes de Soutomaior, Manu Lourenzo, e Compostela, Goretti Sanmartín, na mañá da segunda feira. [Foto: Arxina]
photo_camera Pontón, no centro, cos futuros alcaldes de Soutomaior, Manu Lourenzo, e Compostela, Goretti Sanmartín, na mañá da segunda feira. [Foto: Arxina]

Só cinco dos 15 deputados do Parlamento da Galiza que se presentaron como cabezas de lista nas eleccións municipais deste pasado domingo para facerse cunha Alcaldía conseguiron os votos suficientes para conseguir gobernar.

En concreto, até 20% dos parlamentarios autonómicos (11 do PPdeG e catro do BNG) batéronse na area local para tratar de facerse co bastón de mando dos seus respectivos concellos, pero só cinco deles conseguiron o apoio suficiente para permitirlle, a priori, gobernar.

De acordo coa normativa galega e, segundo reflicte o regulamento da Cámara galega, os alcaldes están nun suposto de inelixibilidade (e polo tanto, de incompatibilidade). Así, aqueles parlamentarios que conseguiron facerse coa alcaldía o 28-M, deberán deixar a súa acta.

Ferrol, Boqueixón, Ribadeo e San Cibrao das Viñas

É o caso de José Manuel Rei Varela, que logrou este domingo maioría absoluta para o PP en Ferrol, polo que para ser investido alcalde, terá que deixar o seu asentos no Pazo do Hórreo.

Na mesma situación queda Ovidio Rodeiro, de Boqueixón; Dani Veiga, de Ribadeo, e Marta Nóva, de San Cibrao das Viñas. Todos eles conseguiron maioría absoluta, polo que poderán gobernar nas súas localidades.

Con todo, outros deputados 'populares' non correron a mesma sorte. Nin Elena Candia (Lugo) nin Borja Varea (Santiago) conseguiron maioría absoluta para o PP, polo que non poderán gobernar. Ambos quedaron a un e a dous edís, respectivamente, para a absoluta.

Tampouco alcanzaron votos suficientes para facerse coa alcaldía Sandra Vázquez (Vilalba), Rubén Lorenzo (Carballo), Belén Cachafeiro (Forcarei), Belén Saído (Monfero) ou Fernándo Pérez, de Caldas de Reis.

BNG: catro aspirantes, unha Alcaldía

No caso do BNG, con catro deputados que asistiron ás municipais como posibles alcaldábeis, só un finalmente o conseguirá, de producirse un pacto con outras forzas da esquerda.

É o caso de Manuel Lourenzo en Soutomaior, que xa en 2019 conseguira un bo resultado, pero que non foi suficiente para gobernar. Nesta ocasión, con seis concelleiros, a un da maioría, previsiblemente poderá facelo co apoio do PSdeG, que ten un edil.

Con todo, os outros tres parlamentarios galegos do Bloque non chegarán, polo menos nesta ocasión, a ser alcaldes ou alcaldesas. Na Rúa, María Albert conseguiu dous concelleiros, baixando un. Pola súa banda, o PP contabilizou 5, podendo repetir pacto con RUA para volver investir a Álvaro Fernández como alcalde.

No Incio, Carme Aira non conseguiu ningún edil, mentres que en Boimorto, Xosé Rivas 'Mini' logrou un concelleiro, baixando un, e co PP con maioría absoluta.

Comentarios