Pouco antes das 23 horas, Ana Pontón, entre os aplausos da militancia e membros da candidatura do BNG de Compostela, comparecía, ante os medios, na Nave de Vidán, desde onde seguiu os resultados.
A líder da oposición agradeceu ás máis de 240.000 persoas que “nos dan máis motivos para seguir traballando”. “Acollemos con toda a forza o resultado”, que representa “un incremento importante a respecto de hai catro anos”. Deu especialmente as grazas á militancia do BNG, un agradecemento que se acompañou dun sonoro aplauso das persoas alí presentes.
135 edís máis
Pontón puxo de manifesto que o BNG é a forza que máis sobe en número de concelleiras e concelleiro, “135 máis”, un aumento que representa, dixo, 30%. Unhas cifras que confirman que o BNG “é unha forza política en ascenso, que vai sumar máis gobernos municipais e que se afianzou de maneira clara nas cidades”.
No marco desa “tendencia ascendente” salientou os resultados de Vigo, onde o BNG triplicou representación; A Coruña e Ourense, onde a duplicou e Compostela, “onde mantén o Goberno”. Deixou para o final, a nova alcaldía que consegue o BNG: Compostela, “sumamos unha nova alcaldesa”, dixo, por Goretti Sanmartín.
A respecto de Compostela, sinalou que era “un reto moi complexo”. “Dixemos en campaña que fariamos historia e fixemos historia: por vez primeira, a capital da Galiza ten unha alcaldesa”.

Consolidación dun "cambio de ciclo"
Afirmou que os resultados destas eleccións municipais “consolidan un cambio de ciclo que se iniciou nas eleccións galegas, onde a cidadanía nos deu a responsabilidade de sermos a alternativa real ao PP”. “Estes resultados reforzan a nosa posición”, dixo.
“Acollemos esta responsabilidade con toda a humildade e toda a ambición do país. Galiza precisa abrir un tempo novo e temos a responsabilidade de abrir esa esperanza”, apuntou, “traballaremos sen descanso para que en 2024 se consolide ese novo ciclo e fagamos historia coa primeira presidenta da Galiza, do BNG, co fin de darlle futuro a este país”.
Finalizou a intervención entre a ovación das persoas presentes, que corearon: “Presidenta, presidenta”.