Entrevista

Miguel Anxo Fernández Lores: "Será un longo camiño, pero Pontevedra ten dereito a recuperar a ría"

O nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores (Vilalonga-Sanxenxo, 1954), médico de profesión, leva desde 1999 á fronte da alcaldía de Pontevedra. Asegura que está con ganas de seguir, “atópome no mellor momento da miña vida política, nun bo momento persoal e familiar, cunha experiencia acumulada e un equipo de persoas no concello fabuloso. Temos ideas para o futuro. Sempre digo que os proxectos son a longo prazo e que me presentaba para intentar alcanzalos”. O reto permanente de recuperar a ría para expandir a cidade e o seu modelo de calidade ambiental urbana vive nestes meses momentos decisivos no ámbito xudicial.
O alcalde de Pontevedra, 
Miguel Anxo Fernández Lores (Foto: Xan Carballa).
photo_camera O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. (Foto: Xan Carballa)

—A sentenza do Tribunal Supremo sobre a permanencia de Ence na ría de Pontevedra vana recorrer?
Xa o dixemos cando se fixo pública. O Supremo tombou, cun voto discrepante, unha decisión tomada por unanimidade dos xuíces da Audiencia Nacional. Dixen, e sosteño, que esa decisión do Supremo non se atén a dereito, e significa botar abaixo a Lei de Costas, da que se dotou o Estado hai trinta anos para recuperar os espazos marítimo-terrestres. 

Nós imos pór todos os medios para recuperar a ría en todos os sentidos como espazo ambiental, e desprazar de alí unha fábrica que é un tapón para Pontevedra, tamén para Marín, que consome o triplo da auga sumada de todos os concellos da ría, que contamina o ar e o mar e debe estar noutra localización, pode ser tamén dentro da provincia, dotada de tecnoloxía punta. A obriga de marchar nunha data determinada coñecíana cando a mercaron. Por recomendación do equipo xurídico do concello, e tratándose de recursos ao Constitucional e a tribunais europeos, escollemos para seguir o camiño xudicial o despacho xurídico CBS. 

—Cal vai ser o primeiro paso xudicial?
Primeiro, presentarase un recurso de nulidade no propio Supremo, para retrotraer a causa á Audiencia Nacional, que o vía tan claro que só xulgou un dos seis razoamentos que fixemos para rexeitar a prórroga. A Audiencia entendeu que o primeiro abondaba para sentenciar e xa non entrou nos outros cinco. O Supremo botou abaixo a sentenza e tampouco os valorou. De feito aínda está vivo un recurso de Defensa da Ría [a asociación] ao respecto. 

Hai un factor novo tamén porque durante toda esta travesía xudicial, apareceu a Comisión Europea falando de violación das directrices de Servizos e da lexislación da Unión Europea. Puxo en marcha un proceso reservado ao que ten que responder o Estado e pode supoñer sancións. Por tanto, non somos só o concello, Greenpeace ou Defensa da Ría os que alegamos contra a prórroga, senón que a propia Comisión Europea fala de posíbel infracción. Realizado este primeiro paso, iremos despois ao Constitucional e máis tarde a Europa se fixese falta.

—Enténdese que o calendario de resolución destes recursos implica moitos anos por diante?
O proceso reservado da Comisión ten un prazo para resolverse de dous meses e xa pasou un. O camiño pode ser longo, pero os pontevedreses temos o dereito de recuperar a ría e que as empresas se relocalicen noutro emprazamento, nun polígono industrial estratéxico, e iso ten que facelo a Xunta da Galiza, que para iso ten as competencias de ordenación do territorio e política industrial, e debían telo previsto.

—En todos estes anos só houbo un momento en que pareceu posíbel un acordo de traslado, cando o Goberno bipartito.
Primeiro Fraga fixo a declaración de supramunicipalidade, pretendendo retirarnos ao concello as competencias sobre o noso territorio. Máis tarde houbo un intento de relocalización cando o bipartito de Pérez Touriño. Mesmo en 2011, o actual portavoz do PP e ex presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, dixo que Ence tiña que marchar da ría, posición que modificou en poucos anos.

O que sucedeu foi que o PP pactou coa empresa unha modificación da lei de costas para intentar legalizar a súa situación. Un auténtico pelotazo, porque falan de 50 millóns de beneficios anuais e en 60 anos son 3.000 millóns de euros, cartos que dan para moito, tamén para resituar a fábrica. No seu día saberase toda a verdade do caso Ence.

—E se desaparece no futuro Ence desa localización, cal é o plan para eses terreos?
Trátase de recuperar un espazo vital: non se debe esquecer que se realizou un recheo de 600.000 metros cadrados, mediante un dique no que agora é autovía, facendo desaparecer praias, riqueza marisqueira… Foi unha barbaridade conceptual dos anos 50 e 60 que, pasadas as décadas e xa entrados no século XXI, hai que reverter. A nosa visión é que se aproveite no futuro para marisqueo, pesca de baixura, desfrute cidadán, usos urbanísticos ordenados.

Aí temos, por exemplo, o pazo de Lourizán e un dos arboretos máis importantes da Galiza. Todo está deteriorado, cando o normal é que Pontevedra e Marín xa estivesen unidos na beira da ría, e crecendo, como Poio ou Sanxenxo. Iso tamén son posibilidades de emprego. Só en marisqueo houbo até 1.000 ocupados e agora só quedan 400. O turismo e todo o ligado aos deportes náuticos tamén son oportunidades de emprego. Trátase de mellorar a calidade de vida retirando unha empresa que contamina máis de 100.000 habitantes. Temos o mesmo dereito de recuperar o espazo urbano que Barcelona ou Bilbao.

—Os premios internacionais pola calidade de vida na cidade son continuos desde hai anos. Chegaron xa ao cume de obxectivos na transformación?
As cidades fanse durante décadas e mesmo séculos, Pontevedra non ten que ver coa de hai 23 anos. Fixemos real o que se empezaba a abrir paso naquel comezo de século: a importancia da calidade urbana e do medio ambiente urbano. Os espazos naturais son vitais, pero o 60% da poboación mundial vive en cidades e vaise cara ao 70%. O 95% do tempo vital desas persoas transcorre na cidade e por iso temos que falar de medio ambiente urbano. Conseguimos ser a única cidade galega que, a pesar de Ence, cumpre os 365 días do ano cos parámetros de calidade do ar que reclama a OMS [Organización Mundial da Saúde], e xunto con Logroño somos as dúas únicas cidades de todo o Estado que os cumpre. 

Non está todo feito e aspiramos a que toda a xente que vive nos barrios, no rural e no centro da cidade teña a máxima calidade de vida. Xa hai núcleos de centralidade en moitas parroquias onde está o colexio, o centro cultural, o polideportivo, o cemiterio ou a igrexa e alí calmamos tránsito, melloramos iluminación, metemos beirarrúas… Non chegamos a todo, pero aspiramos á máxima equidade vívase na zona do concello en que se viva. Tamén estamos ampliando os parques forestais (temos xa un de 400 hectáreas e outro de 100). E neste ano foi importantísima a incorporación de Santa Clara [o convento] ao patrimonio municipal. A súa futura utilización como sétimo edificio vai no camiño de converter o Museo de Pontevedra nun auténtico museo nacional da Galiza.

—Manteñen nestas semanas unha reclamación á Xunta da Galiza sobre o polígono industrial do Campiño, pero de que depende o futuro económico da cidade?
Na provincia, s0mos a cidade con máis porcentaxe de actividade económica. Por cada 100 persoas que viven e traballan en Pontevedra, hai 142 postos de traballo. Así, cada día entran arredor de 26.000 persoas a traballar desde outros concellos. Vigo estaría nun ratio de 100/121. Nas cidades galegas, a porcentaxe de empresas industriais é do 5%. Se nós estamos en 4,3, Vigo ten un 5,2 e as demais máis ou menos igual. A maioría das cidades galegas son de servizos e estamos incrementando emprego en todos os sectores.

Cando entrei no concello non tiñamos os polígonos ocupados, nin o do Vao, e no Campiño había unha empresa e agora está cheo, fíxose o da Reigosa, que é comarcal, fíxose Barro-Meis e están con apenas dúas ducias de parcelas libres, por iso pedimos que se desenvolvesen os 3.000.000 de m2 que tiñamos previsto para terreos industriais e comerciais.

En 2014, a propia Xunta fixo un plano de ampliación no Campiño que tiña que culminar en 2024, non está feito. Pedimos que o fagan xa e non esperen a que non haxa parcelas dispoñíbeis. A industria é desexábel, necesaria, respectando o medio ambiente e, por suposto, o dominio marítimo-terrestre.

Por outro lado, somos a cidade máis nova da Galiza, con maior futuro e cambio xeracional, con máis persoas de menos de 25 anos que as de máis de 65. A xente quere vivir aquí porque hai calidade de vida e o centro da cidade medrou un 25% nos últimos anos, un caso único, agás Lugo.

—A experiencia desde 1999 até hoxe dálle unha certa autoridade á hora de falar de como gobernar en coalición ou minoría e manter a estabilidade. 
A dificultade principal é lograr coherencia de goberno e respecto entre as forzas políticas. Por exemplo, na Deputación de Pontevedra funciónase moi ben, cun acordo de goberno, respectando as áreas respectivas, e os investimentos orzamentarios, sabendo que somos forzas diferentes. 

Eu teño experiencia gobernando só e coligado o BNG con outras forzas, e o que me interesa sempre é gobernar para avanzar. Estou agradecido e contento de como resulta globalmente o acordo que temos hoxe na cidade, loxicamente con algunhas diferenzas, pero necesitámonos e acordamos un programa de goberno único. Cando os temas a debater son de transcendencia, independentemente de que áreas implica de cadaquén, pois loxicamente negócianse mantendo as autonomías respectivas.

—E no referido ao tema central da recuperación da ría e a fin de Ence, hai unha postura unánime?
Dentro do goberno deste período 2019/2023 haina, e agardo que sexa respectada no futuro.

Comentarios