Sánchez solicitará unha nova prórroga e anuncia un fondo autonómico especial de 16.000 millóns de euros

Os detalles dese fondo, do que 10.000 millóns estarán destinados a gastos sanitarios, serán trasladados aos presidentes autonómicos este domingo. O presidente do Executivo español anunciou unha nova liña de préstamos a autónomas e Pequenas e Medianas Empresas.
Pedro Sánchez anunciou onte un paquete de medidas económicas e adianto de transferencias ás comunidades.
photo_camera O presidente do Executivo español, Pedro Sánchez, durante unha rolda de prensa (Imaxe: Europa Press).

Nunha rolda de prensa desde o Palacio da Moncloa, o presidente do Goberno español, o socialista Pedro Sánchez, anunciou a solicitude dunha nova prórroga do estado de alarma así como a posta en marcha dun fondo autonómico especial dotado de 16.000 millóns de euros.

Sánchez avanzou así a solicitude da cuarta prórroga desde que a medida entrou en vigor coa publicación do Real Decreto que a regula o 14 de marzo. Para  conseguila, precisaría dunha maioría simple nos votos a favor de deputadas e deputados.

O presidente español tamén apunto unha serie de novas medidas que regularán a fase 0 da desescalada, en vigor desde a segunda feira, 4 de maio.

Ademais das xa anunciadas, Sánchez advertiu que o uso das máscaras no transporte público será obrigatorio. A maiores, lembrou que a partir do día 4 restaurantes e bares poderán abrir para entregar comida encargada por teléfono e con horarios preferentes para maiores e dependentes.

Os comercios e locais de servizo como librarías, salóns de peiteado, ferreterías, ou obradoiros de arranxo de roupa ou calzado poderán atender clientela por cita previa e con horarios de atención preferente a maiores.Tamén abrirán ao público os arquivos e poderán volver adestras as deportistas de elite

Fondo especial autonómico

O presidente do Goberno español tamén avanzou este sábado a aprobación dun fondo especial non reembolsábel destinado ás Comunidades Autónomas “para a reconstrución social e económica” tras a crise sanitaria e dotado de 16.000 millóns de euros.

Na rolda de prensa ofrecida desde o Palacio da Moncloa, o xefe do Executivo español asegurou que os detalles deste fondo serán trasladados este domingo no encontro semanal dos presidentes autonómicos.

Do importe total prometido por Pedro Sánchez, 10.000 millóns de euros estarán destinados ao gasto sanitario, o eido que más investimentos está a requirir durante a crise orixinada pola COVID-19.

En canto ao monto restante, 5.000 millóns de euros serán empregados para paliar as consecuencias da “caída económica” orixinada polo parón na actividade e 1.000 millóns reverterán en gasto social.

En 2020, recalcou o líder do Goberno español, as comunidade autónomas recibirán do sistema de financiación autonómico 7.906 millóns máis que en 2019.

Préstamos a PEMES e autónomas

O líder do Executivo tamén avanzou unha liña de avais públicos, dotada duns 24.000 millóns de euros, e reservada na súa maioría a Pequenas e Medianas Empresas (PEMES) e a autónomos. Este novo tramo de préstamos aprobarase a vindeira terza feira durante o Consello de Ministras.

Unha vez habilitadas esta liña de créditos terase consumido máis de 60% dos 100.000 millóns de euros do programa de axuda ao financiamento de empresas. Será o Instituto de Crédito Oficial, o ICO), o organismo encargado de xestionar os préstamos, mentres que as entidades financeiras participantes asumirán o custo do aval.

O requisito para acceder a esta garantía, segundo avanzou Pedro Sánchez, é que as solicitantes non estiveran en situación de morosidade a 31 de decembro ou en procedemento concursal a 17 de marzo de 2020. Isto é, a súa debilidade económica debe estar ligada necesariamente á crise provocada pola COVID-19.

O presidente do Goberno español recoñeceu queixas desde as propias PEMES e autónomas debido aos trámites para obter os avais en determinadas entidades, sen especificar cales. “Tentamos mellorar a xestión dos mesmos”, indicou.

 

Comentarios