Feixoo quere normalidade e sinala que boa parte da Galiza podería ir xa á fase 3

A desescalada está estipulada por provincias e o presidente da Xunta considera que todas as galegas estarían en condicións de cumprir a fase 1 do plan e que 140 concellos se poderían situar xa na fase 3, sen ter que esperar a xuño. Feixoo semella ter ansia de nova normalidade, coa que sería máis factíbel a chegada das urnas.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo en rolda de prensa.
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo en rolda de prensa.

Segundo os datos que manexa a Xunta da Galiza "máis de 140 concellos poderían ir á fase 3 directamente", ao igual que a maioría dos distritos sanitarios do país, mentres que as catro provincias estarían en situación de cumprir os requirimentos da fase 1, aseverou esta quinta feira, 30 de abril, o presidente galego Alberto Núñez Feixoo en rolda de prensa após o Consello da Xunta. O plan de desescalada do Executivo estatal non contempla a chegada da fase 3 até mediados de xuño.

 Eses máis de 140 concellos que Feixoo sinalou son aqueles que continúan sen rexistrar casos de coronavirus. Con todo, o Goberno galego aínda non informou de cales son. Porén, os portais da Administración catalá, vasca, murciana, madrileña ou canaria si achegan os casos de COVID-19 desglosados por municipios. 

Ante a situación na Galiza, o presidente amosouse máis unha vez propicio a non perder tempo desnecesario para alcanzar a denominada "nova  normalidade". Ademais, considerou que o estado de alarma non debe ser prorrogado. "Non é necesario o estado de alarma para coordinarse coas Comunidades Autónomas, nin para dar instrucións aos corpos e forzas de seguridade, nin para exixir o cumprimento das normas", dixo Feixoo. Desta maneira, o mandatario galego segue a estela do lehendakari vasco Iñigo Urkullu, que tamén está a presionar para adiantar o regreso á normalidade e xa se postulou polo levantamento do estado de alarma. 

Semella non casual que os dous presidentes máis interesados en non perder tempo no regreso á normalidade sexan os que teñen as eleccións adiadas. 5 de abril foi a data posta por Urkullu para os comicios vascos e a mesma que despois escolleu Feixoo para os galegos. Finalmente, en ambas as nacións retrasouse a data por mor da pandemia. 

O lehendakari xa amosou a súa preferencia para votar en xullo e Feixoo semella que apostará por ese mes, sinala a oposición, vendo que o presidente galego vai "a rebufo" do calendario de Euskadi. A oposición tamén reprocha a Feixoo que leve dous meses sen  ir ao Parlamento e  que non se someta, por tanto, ao control democrático, e que só ofreza comparencencias por televisión. Ante eses feitos coinciden xa en situar un Feixoo en campaña, que fai vaticinar que Galiza vaia ás urnas en xullo.  

Nese sentido pronunciouse o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, que afirmou que "detrás das roldas de prensa de Feixoo hai sempre un interese electoral e que está a pensar en como salvar o seu escenario cando haxa eleccións". Caballero lembrou ao presidente a súa condición de "interinidade" após o acordo alcanzado polos partidos para suspender os comicios do 5 de abril e considerou que "debe a Galiza unha clarificación" do que fala con Urkullu.

Plans da Xunta para o turismo e a cultura

O Consello da Xunta decretou o "loito oficial" en homenaxe ás vítimas do coronavirus. Será de 1 ao 31 de maio. Feixoo tamén adiantou que o Goberno galego porá en marcha plans de choque para o sector turístico e cultural por importe de 27 millóns de euros.

"O próximo sábado imos ter ocasión de concretar o contido co sector turístico, e a vindeira semana con todos os sectores que compoñen a cultura do país", dixo Feixoo.  Haberá, segundo adiantou, un plan novo para o Xacobeo, distinto ao que estaba previsto, "moito máis imaxinativo e complexo".

273 concellos afectados

Lembrou Antón Gómez-Reino, voceiro de Galicia en Común, que os datos epidemiolóxicos "seguen a ser moi graves, e que o presidente da Xunta debería centrarse en combater a emerxencia sanitaria e non en transmitir unha imaxe irreal de recuperación falando dun falso descenso da incidencia da epidemia". Para Reino, a actitude de Feixoo "pode pór en risco a recuperación e provocar un repunte nun futuro próximo".  “Os argumentos que emprega Feixoo son falsos. Cando di que xa hai 140 municipios libres de coronavirus quere dicir que aínda hai 273 afectados”.

Posición de país

A portavoz do BNG, Ana Pontón, volveu exixir á Xunta "transparencia nos datos", en particular no referido ás residencias, e apostou por unha desescalada galega pactada no Parlamento para defender unha posición de país ante Madrid, axustada á realidade da Galiza. “Para iso é importante ter un presidente que dialogue e acorde, que respecte o Parlamento e que entenda a política como algo máis que roldas de prensa”, denunciou. 

A líder nacionalista foi crítica co plan de desconfinamento do Executivo estatal. “É evidente que o plan non vai funcionar porque non se adapta á realidade nin ás necesidades da Galiza". Pontón pediu ademais un plan de rescate para o sector da hostalaría e do comercio porque serán dos últimos en poder ver a luz ao final do túnel.

Polémica cos tests do estudo epidemiolóxico

Ante a sospeita que rodea os tests empregados polo Goberno español e galego para candanseus estudos epidemiolóxicos, debido á gran cantidade de negativos, Nós Diario preguntou ao presidente da Xunta sobre a fiabilidade do mostreo. Feixoo sinalou que a Administración galega emprega eses tests "non para diagnosticar" senón para facer estudo epidemiolóxico, que é para "o único" que están avalados polo Ministerio de Sanidade.

A portavoz do BNG, Ana Pontón, pediu ao respecto "explicacións, pois de estarse a facer un estudo epidemiolóxico con tests que non teñen fiabilidade suficiente" estaríase desaproveitando a posibiidade de facer un mostreo real que permitise orientar o desconfinamento.

Antón Gómez-Reino, voceiro de Galicia en Común, acusou Feixoo de querer facer electoralismo con estudos epidemiolóxicos e de sobrecargar con eles a Atención Primaria. 

Comentarios