Sánchez abre a porta á renovación do PSdeG

O novo delegado do Goberno español na Galiza, José Miñones, é un dos valores en alza dos socialistas galegos. O seu ascenso é considerado como unha vitoria dos críticos co actual líder do PSdeG.
Gonzalo Caballero, fronte a José Miñones, nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press)
photo_camera Gonzalo Caballero, fronte a José Miñones, nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press)

José Miñones é un dos valores en alza dos socialistas galegos. Concelleiro en Ames desde 2007, alcalde desta localidade á fronte dun Goberno de coalición co BNG e Unidas Podemos desde 2015 e sanchista de primeira hora, nos últimos meses fixo parte das quinielas dos posíbeis sucesores de Gonzalo Caballero. Tanto é así que un día antes de ser anunciado como novo delegado do Goberno do Estado na Galiza descartouse como candidato á Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE.

A súa elección como Delegado do Goberno introduce un perfil diferente na responsabilidade e tenta dar un novo impulso á acción gobernamental dos socialistas nun momento complexo para o Executivo de Sánchez. A diferenza do seu antecesor, Javier Losada, quen chegou ao cargo grazas ao apoio de Carmen Marón e coa oposición do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, Miñones presenta un carácter máis dialogante, con maior capacidade de construír consensos dentro e fóra das filas socialistas e un estilo de facer política máis axeitado aos tempos de hoxe.

Miñones ten por diante retos importantes na esfera da xestión e tamén da política. Así, entre os primeiros, deberá enfrontar as derivadas sanitarias e económicas da pandemia, a crise industrial, e concretamente a situación das factorías de aluminio da Coruña e Cervo, a definición dos usos do Pazo de Meirás e a liberalización das peaxes e mais a transferencia da AP-9. Por outra banda, fícalle un labor de explicación pedagóxica da acción do Goberno do Estado na Galiza e unha interlocucción exixente con Madrid co fin de situar na axenda os problemas galegos.

O seu nomeamento ten, tamén, unha lectura orgánica. Membro da executiva do PSdeG e dirixente crítico con Caballero, após os resultados das eleccións galegas apostou por organizar unhas primarias para escoller un novo liderado no partido. Malia non participar nos últimos tempos das reunións da dirección socialista, presuntamente por diverxencias co secretario xeral, é o único galego designado por Pedro Sánchez para participar como relator no congreso federal do PSOE de outubro, cuestión que algúns explican como unha desautorización a Caballero.

O ascenso de Miñones é considerado como unha vitoria dos críticos co actual líder do PSdeG. Persoa próxima ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín Formoso, a súa elección é interpretada por diversos sectores do partido como un toque de atención a Caballero para que se faga a un lado. A este respecto, desde o círculo do secretario xeral dos socialistas galegos discrepan desa análise e adiantan a decisión de Caballero de continuar á fronte da formación.

Pola súa banda, fontes da dirección estatal da organización cualifican a decisión como “o inicio da renovación do partido na Galiza, que rematará no congreso de finais de ano”. 

O PSdeG ten diante de si nos vindeiros meses un reto chave. Unha vez confirmada a vontade de Gonzalo Caballero de concorrer de novo como candidato ás vindeiras eleccións galegas e a decisión firme do equipo de Sánchez de promover un cambio de liderado na Galiza, os socialistas deben afinar en como afrontar o proceso e acertar na elección da nova dirección. A falta de formalizar as alternativas a Caballero, o nome do presidente da Deputación da Coruña, Valentín Formoso, é un dos que máis soa.

Comentarios