José Miñones, nomeado novo delegado do Goberno español na Galiza

O Executivo que presidente Pedro Sánchez salienta "a traxectoria profesional vinculada á política e á sanidade".
José Miñones (Foto: Arxina)
photo_camera Miñones (Foto: Arxina)

O Consello de Ministros nomeou hoxe o xa ex alcalde de Ames José Manuel Miñones como novo delegado do Goberno na Galiza, en substitución de Javier Losada, que ocupaba o cargo desde xuño de 2018.

Así o anunciou a ministra de Facenda e portavoz do Goberno, María Jesús Montero, na rolda de prensa posterior á reunión do Executivo estatal, na que tamén se ratificou os nomeamentos de Mercedes González como nova delegada do Goberno en Madrid; así como de Pedro Fernández para Andalucía.

Montero destacou a traxectoria profesional vinculada á política e á sanidade de José Miñones, doutor en Farmacia e investigador nesta rama. Unha carreira política e profesional que, conforme sinalou, compaxinou coa vida municipal no municipio de Ames, no que era alcalde.

En concreto, Miñones, que presentou nun pleno extraordinario realizado a última hora da segunda feira a súa renuncia como rexedor, ocupaba a Alcaldía de Ames desde 2015, localidade que gobernaba en tripartito co BNG e Contigo Podemos.

Aínda que forma parte da executiva galega do PSdeG, desde as pasadas eleccións galegas -nas que os socialistas se situaron como terceira forza por detrás do Bloque- foi unha das voces que se mostraron máis críticas cos resultados obtidos pola candidatura liderada polo secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero.

Ademais, o pasado 15 de marzo o rexedor de Ames foi designado como único relator galego no Congreso Federal que o Partido Socialista fará o próximo 17 de outubro en Valencia, cita na que se encargará das áreas de Municipalismo e Medio Rural.

Precisamente, o seu nomeamento como relator foi aplaudido pola dirección provincial do PSOE coruñés, capitaneada por Valentín González Formoso, quen encabeza un dos sectores máis críticos co actual secretario xeral do PSdeG.

Outras voces tamén consideran, que con este nomeamento, Ferraz marca o camiño do PSdeG. Así, esta terza feira, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asegurou que Pedro Sánchez facía unha "aposta de futuro" con este nomeamento.

"Miñones é unha das persoas que dentro do PSOE está chamada a ter maior proxección e o feito de que desde o Goberno de España se conte con el para un posto desa responsabilidade, que supón unha plataforma desas características, paréceme realmente importante", indicou en declaracións á Cadena Ser recollidas por Europa Press.

Comentarios