Losada cesa como delegado do Goberno na Galiza, cargo que pasa ocupar o alcalde de Ames

O novo delegado será o alcalde de Ames, José M. Miñones, que fixo efectiva a súa renuncia ao cargo no municipio esta mesma tarde.
Losada, nun acto, na delegación do Goberno español na Galiza. (Foto: Delegación)
photo_camera Losada, nun acto, na delegación do Goberno español na Galiza. (Foto: Delegación)

Javier Losada di adeus á Delegación do Goberno español na Galiza. Será o alcalde de Ames, José Manuel Miñones Conde quen o substitúa no cargo. O cambio podería anunciarse esta terza feira, día 30, no Consello de Ministros malia que a nova viu a luz antes. Losada foi nomeado delegado do Goberno en 2018, levaba tres anos no cargo. Javier Losada é un home de peso no socialismo da Coruña e foi alcalde da Coruña entre 2006-2011.

O seu cesamento causou sorpresa na política galega, mais esta tarde aínda non transcendera unha explicación oficial do cambio. Si o fixo, en cambio, a renuncia como alcalde de José Manuel Miñones. O futuro delegado convocou un pleno extraordinario para despedirse. Visibelmente emocionado polo cambio, confesou que a nova etapa tamén trae "moita ilusión".

"Estou aquí para presentar a miña renuncia e, pese a facelo por unha boa nova, a sensación que me invade é a tristeza e a melancolía", recoñeceu ao tempo que agradecía o traballo de toda a corporación e o apoio da veciñanza. Todos os grupos louvaron o seu "talante dialogador".

Miñones (Santiago de Compostela, 1972) era rexedor da localidade de Ames desde 2015 e concelleiro desde 2009. Recentemente, foi elixido por  Ferraz como único relator galego do próximo Congreso Federal de Valencia do PSOE, sobre medio rural e municipalismo.

O seu nomeamento como relator foi aplaudido pola dirección provincial do PSOE coruñés, capitaneada por Valentín González Formoso, quen encabeza un dos sectores máis críticos co actual secretario xeral do PSdeG. Membro da Executiva do PSdG, Miñones desbotouse, esta mesma fin de semana, como candidato a primarias. Após as eleccións galegas de xullo do ano pasado, o rexedor mostrouse moi crítico cos resultados acadados por Gonzalo Caballero. 

Previsibelmente, a marcha de Miñones para a Delegación do Goberno español motivará cambios na corporación municipal de Ames.

 

Comentarios