Só 5% das persoas que viven no limiar da pobreza perciben unha renda social

É a porcentaxe máis baixa da última década e 3 puntos inferior á media do Estado español
O Banco de Alimentos de Lugo, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera O Banco de Alimentos de Lugo, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Menos do 5% das galegas e galegos que están por baixo do limiar da pobreza percibe unha renda mínima de inserción. É, en concreto, un 4,4%, o que supón o nivel máis baixo desde hai unha década, ademais de situarse tamén por baixo da media estatal. 

A porcentaxe é sensibelmente inferior á media de percepción  de rendas mínimas de insercición no Estado, que se sitúa en 7,9%. De feito, Galiza é das comunidades autónomas cunha cobertura máis baixa neste campo, a anos luz do que acontece noutros territorios, como Nafarroa ou Euskadi, onde a porcentaxe de persoas perceptoras supera o 50%. 

Os datos do informe da Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais referente a 2023 apuntan que na media do Estado, a contía supón o 14% da renda media por fogar, na Galiza fica en 11%, tres puntos menos.

A Xunta da Galiza aplicou un recorte ao investimento en rendas mínimas de inserción social. De 2020 a 2023, esa diminución foi do 31,6%, case un terzo. A implantación do ingreso mínimo vital (IMV) en 2020 levou a que unha serie de comunidades -non todas- optasen por recortar os seus investimentos e orzamentos neste tipo de prestación. Ese camiño é o que escolleron, entre outras, Galiza, Madrid, Castela e León ou Aragón. Pola contra, Catalunya, Balears ou Canarias optaron por incrementar os seus fondos para as rendas de inserción.

Orzamentos

“A redución dos orzamentos das RMI (rendas mínimas de inserción) na maior parte das comunidades supón que nos dous anos transcorridos desde a aprobación do Ingreso Mínimo Vital se rompa a tendencia á alza que se rexistraba desde 2011 e que se produza unha perda global de 241 millóns. Como denunciamos reiteradamente, moitas Comunidades destinaron o seu 'aforro' no orzamento dos seus RMI a outras cuestións fóra dos servizos sociais”, apunta a Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais. 

Tamén un estudo elaborado por CCOO con motivo do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, que se conmemorou o 17 de outubro, revela que só 20 de cada cen persoas en risco de pobreza na Galiza recibe unha prestación.

Neste sentido, o sindicato considera "especialmente preocupante" a situación das persoas pensionistas, posto que a contía de máis da metade das pensións está por baixo do limiar da pobreza, cifrado en 10.088 euros anuais para unha persoa soa.

Os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) confirman que Galiza fechou o ano 2022 con máis de 630.000 persoas en risco de pobreza ou exclusión social. Así, da poboación total da Galiza ao final daquel ano (2.690.464 persoas), case a cuarta parte, é dicir 634.950 persoas, vive en risco de pobreza ou exclusión social.

Case 200.000 persoas (9,5%) viven en fogares con baixa intensidade de traballo, concepto que define aqueles fogares en que as persoas con idade de traballar destinaron menos do 20% do seu potencial total de traballo. O risco de pobreza sitúase no 18% e a taxa de carencia material e severa afecta ao 6,3% da poboación no conxunto da Galiza. Esta taxa refírese ás persoas que viven en fogares que non poden afrontar catro ou máis conceptos, ítems ou elementos de consumo dun total de nove considerados básicos.

Aínda así, en relación a anos precedentes, a situación mellorou lixeiramente. A taxa de risco de pobreza ou exclusión social en 2022 ficou no 23,6%, mentres que no ano 2021 era do 25,2%. Por outra parte, a taxa de risco de pobreza ficou en 18% no último ano, tras alcanzar o 20,2% no exercicio previo, aínda que afastada da cifra rexistrada en 2014, que foi de 15,4%.

Carencia material severa

Porén, o que si experimentou unha alza foi a taxa de carencia material e social severa, até chegar a 6,3%, cando estaba en 2021 en 6,2% e se reducía a 3,2% en 2020. Ademais, o 9,5% de poboación galega de entre 0 e 64 anos vivía en 2022 en fogares con baixa intensidade no traballo, unha taxa menor á de 10,2% de 2021, mais superior á porcentaxe experimentada en 2020, cando ficou en 8,7%.

A Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social na Galiza (EAPN-Galiza)  apunta que máis de 182.900 galegas e galegos, 86% maiores de 65 anos, viven en condicións de pobreza severa.

Comentarios