A Xunta recortou en 32% o investimento para rendas de inserción social

Só 4,4% das persoas que viven por baixo do limiar da pobreza perciben esta prestación na Galiza, 3 puntos por baixo da media no Estado.

recurso xente na rúa (Foto: Nós Diario)
photo_camera Varias persoas camiñando pola rúa. (Foto: Nós Diario)

A Xunta da Galiza meteu unha boa tesoirada ao seu investimento en rendas mínimas de inserción social. De 2020 a 2023 ese recorte foi de 31,6%, case un terzo, segundo o informe de directores e xerentes de servizos sociais publicado este mes de xaneiro.

A implantación do ingreso mínimo vital (IMV) en 2020 levou a que unha serie de comunidades -non todas- optasen por recortar os seus investimentos e orzamentos neste tipo de prestación. Ese camiño é o que escolleron, entre outras, a Galiza, Madrid, Castela e León ou Aragón. Outras, como Catalunya, Balears ou Canarias, pola contra, optaron durante este período por incrementar os seus fondos para as rendas de inserción laboral.

“A redución dos orzamentos das RMI (rendas mínimas de inserción) na maior parte das Comunidades, supón que nos dous anos transcorridos desde a aprobación do Ingreso Mínimo Vital crébese a tendencia á alza que se rexistraba desde 2011 e supoña unha perda global de 241 millóns de euros. Como denunciamos reiteradamente, moitas Comunidades destinaron o seu “aforro” no orzamento dos seus RMI a outras cuestións fóra dos servizos sociais”, apunta esta asociación no seu informe

No que atinxe a Galiza o recorte foi de case un terzo, 31,6%. Non é o único dato que esta análise achega sobre a Galiza e esas rendas de inserción social. Así, apunta a que na Galiza perciben estes ingresos 4,4% das persoas que viven baixo o limiar da pobreza.

Esta é unha porcentaxe sensibelmente inferior á media de percepción no Estado, que se sitúa en 7,9%. De feito, o país é dos territorios cunha cobertura máis baixa neste campo. A anos luz do que pasa noutras comunidades, como Nafarroa ou Euskadi, onde a porcentaxe de perceptores supera 50%. Outra eiva que apunta este informe é a respecto da contía desas rendas na Galiza. Mentres na media do estado supoñen 14% da renda media por fogar, na Galiza fica en 11%, tres puntos menos.

Un estudo elaborado por Comisións Obreiras con motivo do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, que se conmemorou o pasado 17 de outubro, revela que só 20 de cada cen persoas en risco de pobreza na Galiza recibe unha prestación.

Neste sentido, o sindicato considera "especialmente preocupante" a situación das persoas pensionistas, posto que a contía de máis da metade das pensións está por baixo do limiar da pobreza, cifrado en 10.088 euros anuais para unha persoa soa.

Comentarios