Consello da Xunta

Rueda ve "lóxico" e "de xustiza" que a Galiza teña a mesma ABAU que as comunidades do PP

Sindicatos e reitores discrepan do presidente galego.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nunha rolda de prensa após o Consello da Xunta. (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, hoxe, en rolda de prensa. (Foto: Arxina)

O presidente galego, Alfonso Rueda, ve “lóxico” e “de xustiza” que  todas as comunidades gobernadas polo PP teñan a mesma ABAU. “Paréceme ben”, reafirmou o titular da Xunta a preguntas da prensa, entre elas de Nós Diario, a respecto do anuncio do líder do PP español, Alberto Núñez Feixoo, dunha selectividade común para os 11 territorios nos que gobernan os populares.

“Se hai un distrito universitario español único, o lóxico é que para ela haxa unha proba de acceso única, sostén Rueda. “Hai tempo que nos xa fixemos esa proposta [desde a Galiza]”, reiterou.

O presidente afirmou que “familias e estudantes” entenderán esta medida pois con ela corríxese unha situación na que, dixo, a Galiza “estaba en desvantaxe”, mais sen explicar en que aspectos. Preguntado sobre en que situación ficaba o galego nesa selectividade común, Rueda dixo que nas probas manteranse as “particularidades” dos diferentes territorios. Neste sentido, inducou que "a ABAU común deberá incluír a "visión da Galiza" ou non se adoptaría: "Común non é idéntica".

Discrepancia

Mais a postura de Rueda non convence en parte do propio sistema educativo. O principal sindicato do ensino público na Galiza, CIG, advirte que a proposta dunha ABAU común para as comunidades do PP "atenta contra a autonomía da Galiza". A maiores, apunta a central, é “inviábel técnica e loxisticamente”.

Pola súa parte, a Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE) sinalou que unha Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade única "é imposíbel" porque no Estado non hai un Bacharelato único.

Tamén houbo críticas desde a oposición. Así, a portavoz nacional do BNG e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, afirmou que "a selectividade da Galiza non se pode decidir na rúa Xénova".

Para a líder nacionalista, "isto é unha demostración da subordinación que ten o actual candidato do Partido Popular, o señor Rueda, á estratexia centralista do Partido Popular en Madrid". Atendendo ás preguntas da prensa ao concluír un acto oficial do BNG en Pontevedra, Ana Pontón sinalou que é "evidente" que esta iniciativa do Partido Popular "significa un ataque á autonomía galega".

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, cualificou de "frivolidade" a proposta e considerou que con este anuncio Feixoo busca que non se fale "das cloacas do Estado". Besteiro pronunciouse nestes termos durante a súa intervención nos almorzos organizados polo Fórum Europa, na que sostivo que Feixoo "está nunha dinámica de inventarse cada fin de semana algo novo". "E todas as fins de semana algo novo e potente, como que é difícil", apuntou.

Axudas e subvencións

Na súa comparecencia após o consello da Xunta, Alfonso Rueda anunciou acordos en diferentes cuestións, como os 23 millóns de euros para a dinamización e rehabilitación até 2027 do casco histórico de Tui.

O presidente tamén anunciou que se aprobaban axudas por 2 milóns de euros para axudar a emigrantes retornados, por 4,4 millóns para mariscadores e  mariscadoras a raíz da mortaldade de bilvavos; así como 46 millóns até 2025 para formar 2.000 persoas que están no desemprego.

Informou o titular da Xunta tamén de que o consello aprobou designar ‘Domingo Villar’ o IES que se vai construír barrio vigués de Navia; e da declaración de Iniciativa Empresarial prioritaria a unha plantta para producir 60.000 toneladas anuais de biocombustíbel en Pedrafita, comarca dos Ancares.

Tamén se aprobou na xuntanza semanal do goberno galego a Oferta Pública de Emprego (OPE) de 1.743 prazas en medio cento de centros. Delas, 86% serán de novos ingreso (520 mestres, 835 docentes de secundaria e 33 para escolas de idiomas) e 231 prazas para profesores que xa teñen praza e desexen promocionar. O primeiro exame será 22 de xuño

CIS

O presidente da Xunta minimizou a relevancia do prognóstico da enquisa preelectoral do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), e suxeriu que "esperaba" que coincidise coa "mensaxe" que interesa ao PSOE e ao Goberno que dirixe Pedro Sánchez, e concluíu que non se "fía" da sondaxe.

A preguntas dos medios, Rueda advertiu que as enquisas "hai que tomalas sempre con prevención". "Adoito fiarme bastante pouco delas, e da do CIS, sinceramente, practicamente nada", sentenciou, antes de remarcar que o PP, con el á fronte, continuará centrando os seus esforzos en convencer "a unha maioría" de que a comunidade necesita "estabilidade".

Rueda evitou contestar a preguntas sobre o seu futuro político no caso de perder o Goberno ou se estaría disposto a negociar con Xácome se del dependese poder seguir á fronte da Xunta, e insistiu en que traballa para tentar "convencer" á maioría da cidadanía para que meta na urna a papeleta popular "con independencia" de calquera sondaxe.

Comentarios