Feixoo anuncia que as comunidades gobernadas polo PP, entre elas Galiza, van facer a mesma ABAU

O presidente do PP español asegura que "non ten sentido ter 17” selectividades. Por iso impulsa unha común a partir de 2025 entre os territorios baixo goberno do Partido Popular.

EuropaPress_5710899_presidente_partido_popular_alberto_nunez_feijoo_asiste_coloquio_junto
photo_camera Núñez Feixoo fixo o anuncio acompañado do presidente de Castela e León e a vicesecretaria de Educación do PP (Foto: Europa Press)

O líder do PP español, Alberto Núñez Feixoo, anunciou esta cuarta feira que as comunidades autónomas gobernadas polo PP, entre elas a Galiza, impulsarán unha Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU) común para o curso 2025, xa que, segundo dixo, "non ten sentido ter 17 probas para acceder ao mesmo sistema universitario". Segundo resaltou, esta proposta camiña cara ao sistema de "igualdade de oportunidades" que defende o seu partido.

Así se pronunciou Feixoo nun coloquio sobre Educación en León no que tamén participou o presidente de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, así como distintas asociacións, colectivos e profesionais do ámbito educativo.

Feixoo puxo en valor os datos obtidos por Castela e León no informe PISA e apostou por "exportar" ao resto do Estado un modelo que, ao seu xuízo, funciona. Segundo dixo, trátase de "blindar as oportunidades", non as desigualdades.

Dito isto, avanzou que o PP expón "estender a todo o estado español os cursos de reforzo e tamén a formación continuada dos profesores" que, segundo destacou, funcionaron en Castela e León e na Galiza.

Da mesma maneira, defendeu seguir camiñando cara a "un sistema de igualdade de oportunidades" na ABAU e que as probas de acceso á universidade sexan comúns. "O noso compromiso é que a ABAU sexa un sistema común en todas as comunidades autónomas do PP no curso 2025", apostilou.

"Imos facer e ímolo a pór ao dispor do Ministerio de Educación e de todas as comunidades autónomas, porque non ten sentido ter 17 probas para acceder ao mesmo sistema universitario, que é o sistema universitario español", proclamou.

Comentarios