18-F | Barómetro para Nós Diario

Avance do primeiro barómetro en 'Nós Diario': o PP baixa, o BNG sobe, o PSdeG resiste e DO entra

A primeira enquisa de EM-Analytics para Nós Diario debuxa un escenario aberto para as eleccións galegas de 18 de febreiro. A sondaxe, resultado dunha mostra de 1.400 entrevistas online e telefónicas efectuadas entre o 1 e o 18 de xaneiro nas catro circunscricións galegas, sitúa o Partido Popular á baixa, o BNG á alza, o PSdeG cunha representación semellante á de 2020 e a Democracia Ourensá dentro do Parlamento da Galiza. A este primeiro estudo seguirao outro o sábado 27 de xaneiro e un tracking diario durante o período de campaña electoral. O barómetro completo, cos datos debullados por circunscricións e toda a información e análise, publicarase no xornal deste sábado, 20 de xaneiro.

Primeira entrega do barómetro electoral de 'Nós Diario' elaborado polo Instituto Demoscópico EM-Analytics.
photo_camera Primeira entrega do barómetro electoral de 'Nós Diario' elaborado polo Instituto Demoscópico EM-Analytics.

O Partido Popular retrocedería nas eleccións galegas, no caso de decorrer hoxe, tres escanos en relación ao comicios de xullo de 2020, alcanzando as 39 actas. Segundo os datos achegados pola primeira enquisa de EM-Analytics para Nós Diario, os populares situaríanse en 46,0% dos sufraxios, 2 puntos por baixo do dato de 2020. Neste caso, o estudo apunta a unha baixada sostida no conxunto da Galiza, ficando aínda por contabilizar o alcance total do impacto no electorado da crise dos pellets, cuxo posíbel efecto se percibirá con máis claridade na entrega posterior —o sábado 27 de xaneiro—.

O Bloque Nacionalista Galego aumentaría a súa representación en tres actas e a súa intención de voto en 2,5 puntos, conseguindo 22 deputados e deputadas e 26,3% dos sufraxios. A marxe de mellora das nacionalistas dependerá da súa capacidade para mobilizar o electorado máis próximo ideoloxicamente, tradicionalmente máis abstencionista, e concentrar o voto da esquerda.

Pola súa parte, o Partido Socialista de Galicia ficaría en 13 escanos e 18,3% dos sufraxios, o que representa a perda dunha acta e unha caída na intención de voto en relación a 2020 de 1,1 punto. Nesta liña, a formación liderada por José Ramón Gómez Besteiro estaría a 27,7 puntos da organización encabezada por Alfonso Rueda e a 8 puntos da dirixida por Ana Pontón.

 

Democracia Ourensá alcanzaría un escano en Ourense con 5,8% dos sufraxios, se ben esta acta peléxaa co BNG, que estaría a tres décimas de conseguila. Pola súa parte, tamén no campo da dereita, Vox fica moi lonxe de lograr representación con 2,7% dos sufraxios, marcando a mellor porcentaxe na circunscrición da Coruña.

Aliás, Sumar e Podemos ficarían fóra do Parlamento. A enquisa de EM-Analytics outórgalle á formación liderada por Marta Lois 3,3% dos sufraxios, non superando en ningunhas circunscricións o mínimo legal de 5% necesario ao abeiro da lexislación electoral galega para entrar na Cámara. Outro tanto acontece con Podemos, que se situaría cunha intención de voto de 1,3%.

A foto desta sondaxe avanza dúas batallas paralelas. Por unha banda, os populares lanzados a desmobilizar o electorado da esquerda e a conseguir o votante de Vox. Na outra, nacionalistas e socialistas pelexando por aumentar a participación e por aglutinar a aquelas fraccións do corpo electoral que a esta altura da campaña optan por Sumar ou Podemos.

Ficha técnica da enquisa.

Comentarios