18-F

O Consello da Xunta cesa sete altos cargos para que poidan ir nas listas do PP o 18-F

O prazo para rexistrar as listas ante as xuntas electorais finaliza esta mesma segunda feira, 15 de xaneiro, á medianoite, de maneira que o máximo mandatario galego apurou até o último momento para levar a cabo un trámite sen o que non se pode acreditar a elixibilidade.

Alfonso Rueda preside o Consello da Xunta. (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza).
photo_camera Alfonso Rueda preside o Consello da Xunta. (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza).

O Goberno galego aprobou esta segunda feira os decretos de cesamento de sete altos cargos do Executivo autonómico para que se poidan incorporar ás candidaturas do PPdeG para as eleccións autonómicas do 18 de febreiro.

Os decretos recollen os cesamentos de Antonio Rodríguez Miranda como secretario xeral de Emigración; de Xosé Manuel Merelles como director da Axencia Turismo da Galiza; e de Silvestre José Balseiros Guinarte como director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias máis tamén como director do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).

Así mesmo, cesan catro dos cinco delegados territoriais da Xunta para integrarse nas candidaturas do PPdeG das súas respectivas circunscricións: Gonzalo Trenor, como delegado territorial na Coruña; Martina Aneiros, delegada territorial en Ferrol; Javier Arias, delegado en Lugo, e Gabriel Alén, delegado en Ourense.

No límite

Este terza feira, 16 de xaneiro, o Diario Oficial da Galiza publicará o seu cesamento. O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, convocou de urxencia e con carácter extraordinario o seu Consello esta segunda feira para atender este paso necesario, xa que ningunha das persoas cesadas poderían ser elixíbeis de seguir en cargos do segundo nivel da Administración galega.

O prazo para rexistrar as listas ante as xuntas electorais finaliza esta mesma segunda feira, 15 de xaneiro, á medianoite, de maneira que o máximo mandatario galego apurou até o último momento para levar a cabo este trámite, de acordo con a normativa electoral

Comentarios