Rueda, sobre a posibilidade de suceder Feixoo: "Todos estamos a disposición do que toque"

Por outra parte, Esperanza Aguirre loa o actual presidente da Xunta: "É a persoa máis axeitada por experiencia, intelixencia e carreira para dirixir o PP".
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo (de costas), xunto a Pedro Puy, Diego Calvo e Alfonso Rueda, tres dos favoritos para sucedelo, no Congreso do PP desta cuarta feira (Foto: César Arxina / Europa Press).
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo (de costas), xunto a Pedro Puy, Diego Calvo e Alfonso Rueda, tres dos favoritos para sucedelo, no Congreso do PP desta cuarta feira (Foto: César Arxina / Europa Press).

O vicepresidente primeiro da Xunta da Galiza e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, non quixo revelar esta sexta feira se será el quen suceda o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, no caso de que finalmente sexa elixido novo líder do Partido Popular a nivel estatal.

"Eu e o resto das persoas do Goberno e as persoas das que se está a falar estamos a disposición do que toque facer, e eu aí non vou ser a excepción", indicou, en declaracións aos medios antes de participar nun acto en Vigo.

Rueda explicou que é Feixoo "o que marca os tempos" e haberá que esperar a ver que acontece o próximo mes de abril, cando o PP elixa o seu novo presidente no Congreso extraordinario.

Preguntado sobre se a nivel persoal aceptaría presidir a Xunta se así llo propuxesen, Rueda indicou que polo de agora non tivo ese ofrecemento e eludiu "falar de hipóteses". "Bastante teño co meu traballo do día a día e coas responsabilidades que teño agora", subliñou.

Aguirre loa Feixoo

Por outra parte, a ex presidenta da Comunidade de Madrid, Esperanza Aguirre, asegurou esta sexta feira que Feixoo será "unha grande axuda para a política española e europea" e, con el, "por suposto que o PP se recuperará".

"É a persoa máis axeitada por experiencia, intelixencia e carreira para dirixir o PP", enfatizou Aguirre.

Na mesma liña se pronunciou Enrique López, conselleiro de Presidencia, Xustiza e Interior de Madrid e a quen a prensa estatal situaba como o "favorito" de Xénova para suceder Isabel Díaz Ayuso na Comunidade: "Estou a disposición do partido e de quen vai ser o seu presidente, Alberto Núñez Feixoo, que ten todo o meu apoio e colaboración", aseverou.

Comentarios