Diego Calvo e Alfonso Rueda, dispostos a liderar o PP da Galiza

Feixoo pretende nomear a dedo o seu sucesor á fronte do PP galego

Alberto Núñez Feixoo arrancou oficialmente nesta cuarta feira a carreira para liderar o PP no Estado. Rodeado dos principais dirixentes da formación, nun acto celebrado no pavillón compostelán do Sar, defendeu a súa candidatura á presidencia e recoñeceu que se trataba dunha responsabilidade ambicionada desde hai anos. Mentres se dispón a abandonar Galiza, aumenta a tensión interna para sucedelo.

 

Intervención do presidente do PP galego, Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Arxina)
photo_camera Intervención do presidente do PP galego, Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Arxina)

A intervención de Alberto Núñez Feixoo diante da Xunta Directiva dos populares galegos non deparou ningunha sorpresa. O dirixente popular presentouse como un político de “traxectoria”, que deu o paso adiante, “porque teño a seguridade de que sempre tratei de actuar con honestidade, e porque sei o que significa gobernar, e o Goberno de España non sabe facelo”. “Non son un político de manual, de tuits e faladoiros”, continuou Feixoo, quen marcou como obxectivo “derrotar o multipartito, socialista, comunista e nacionalista”.

O mandatario galego sinalou que “non veño insultar a Pedro Sánchez, veño gañar a Pedro Sánchez” e reclamou “aglutinar aos españois que queren un Goberno diferente”. Neste sentido, defendeu “dar un paso á fronte, e hai que darlle a este país o Goberno que necesita” e xustificouno en que “podería alegar que todo isto non ten nada que ver co PPdeG ou comigo mesmo, pero si ten que ver, porque a Galiza non lle é indiferente o que lle pasa a España”. “Hai situacións que nin se buscan nin se escollen, pero que hai que abordar. Un non elixe cando ten que gobernar, e sempre nos tocou gobernar en momentos moi difíciles”, aseverou Feixoo.

O “PP que España está agardando”

O aspirante á presidencia do PP do Estado apostou en chave orgánica polo “PP que España está agardando, o que queren os seus militantes e votantes, os que foron, os que deixaron de ser e volverán a ser”, “un partido unido, integrador, sólido, solvente, que diga non cando faga falta, e que diga si cando sexa preciso”, “o partido que queren a maioría dos españois”. Asemade, nunha intervención cunha forte carga ideolóxica, cargou contra aquelas formacións políticas que cuestionan o marco constitucional, o proxecto da Unión Europea e “incluso a OTAN”, declarándose como alguén que “creo nunha España unida”.

O dirixente popular deixou claro que ten previsto continuar á fronte da Xunta da Galiza nas vindeiras semanas. A este respecto, nun acto desenvolvido na sede da Fundación Santiago Rey, na maña da cuarta feira, afirmou que “son perfectamente consciente de cal é a miña responsabilidade e actuarei de acordo con esa responsabilidade. Eu dixen que non me ía de Galiza nun mes, díxeno no ano 2018, e no ano 2022 non vou cambiar de criterio”. Neste sentido, fontes populares consultadas por Nós Diario sinalan que a súa renuncia á presidencia do Goberno galega farase efectiva antes do verán.

“É curioso que a oposición me diga cando dimite vostede, será cando considere oportuno. Fin da explicación. Vivimos nunha democracia e a pesar de que a algúns non lles gusta a Constitución nin o Estatuto e invéntanse leis para impoñer aos demais aínda que eles non as cumpran, en España é perfectamente compatíbel ser presidente dunha comunidade e dun partido”, declarou Feixoo, a quen os estatutos da súa formación impídenlle partillar ao mesmo tempo a presidencia do PP galego e estatal, polo que no caso de ser elixido o 2 de abril máximo responsábel da formación deberá abandonar o seu cargo orgánico na Galiza.

Un proceso de sucesión moi complicado

Alberto Núñez Feixoo sabe das dificultades do seu proceso de sucesión na Galiza. Neste sentido, as fontes populares consultadas por Nós Diario recoñecen as tensións entre as diferentes familias do partido e adiantan a Alfonso Rueda e Diego Calvo como os candidatos mellor situados para substituír ao aínda presidente galego. Na mesma liña, o círculo de confianza de Feixoo aposta por un relevo pactado e sen conflito interno, decantándose porque sexa este quen nomee ao seu sucesor, delegando a decisión na Xunta Directiva galega da formación.

A aposta por un candidato de unidade designado por Feixoo non convence nunha parte das estruturas de dirección provincial do partido. A este respecto, persoas próximas a Feixoo comentan a Nós Diario que “a situación é moi diferente a 2006, de feito o único dirixente con peso real no partido á marxe de Feixoo é Baltar, sendo moi escasa a influencia doutros presidentes provincias como Candia en Lugo, Calvo na Coruña ou mesmo Rueda en Pontevedra”. Porén, confirman os movementos internos é a tentativa de José Manuel Baltar en converterse en árbitro da situación.

Candidato a presidencia do Goberno

A elección como presidente do PP converte a Núñez Feixoo automaticamente en candidato á presidencia do Goberno do Estado. Segundo os estatutos da formación, “o presidente Nacional do Partido Popular, elixido polo Congreso, será o candidato do Partido á Presidencia do Goberno. Nos supostos de dimisión, falecemento ou incapacidade do Presidente Nacional, a Xunta Directiva Nacional, a proposta do Comité Executivo Nacional, designará o candidato do PP”.

Comentarios