O PP convoca oficialmente o seu Congreso Extraordinario para o 1 e 2 de abril

Será na cidade de Sevilla e servirá previsibelmente como o inicio da Presidencia do partido do dirixente galego, Alberto Nuñez Feixoo.
[Imaxe: PPdeG] Pablo Casado e Alberto Núñez Feixoo
photo_camera [Imaxe: PPdeG] Pablo Casado e Alberto Núñez Feixoo

A Xunta Directiva Estatal do PP ratificou na súa reunión decorrida hoxe a convocatoria do Congreso extraordinario do partido para os días 1 e 2 de abril na cidade de Sevilla, e que servirá previsibelmente como o inicio da Presidencia do partido do dirixente galego, Alberto Nuñez Feixoo.

Deste modo, a Xunta Directiva do partido, que se reuniu hoxe con carácter de urxencia e extraordinario apos os últimos acontecementos internos dentro da formación, aprobou, ademais da súa convocatoria, o regulamento do Congreso, que é o mesmo que o de 2018, aínda que coas variacións correspondentes ás datas, segundo informou o PP.

En calquera caso, Sevilla será finalmente a cidade que acollerá este Congreso extraordinario, que servirá para previsiblemente nomear a Alberto Nuñez Feixoo como novo presidente do partido en substitución do actual líder, Pablo Casado.

Con todo, Feixoo aínda non anunciou publicamente a súa candidatura a este Congreso Extraordinario, aínda que declarou á súa saída desta Xunta Directiva Estatal que mañá convocará a dirección do PP galego para tomar unha decisión que irá neste sentido.

Así mesmo, a Xunta Directiva aprobou que o número de compromisarios sexa de 3.109, dos cales 437 son natos e 2.622 electivos, 10 da Comisión Organizadora e 40 do PP no Exterior.

Ademais, como xa se sabía, ratificouse o nome de Esteban González Pons como presidente da Comisión Organizadora do Congreso, quen estará acompañado por Juan Carlos Beira como secretario.

Que acontecerá se houber máis dun candidato?

Segundo se acordou, o Regulamento deste Congreso extraordinario estabelece que a partir da convocatoria do Congreso se abrirá un prazo de 15 días para que calquera afiliado se poida inscribir para participar en todo o proceso electoral, que expira ás 14.00 horas do 16 de marzo.

Os candidatos á Presidencia do partido, segundo lembra o PP, deberán presentar a súa  precandidatura entre o 8 de marzo e ata as 20.00 horas do día 9 de marzo, e, para ser proclamado precandidato é necesario o apoio de, polo menos, 100 militantes.

Por iso, no caso de que finalmente haxa máis dun candidato ao Congreso extraordinario, a campaña electoral interna comezaría a vindeira sexta feira 11 de marzo e terá unha duración de 10 días, finalizando ás 24.00 horas do día 20 do mesmo mes.

Comentarios