Rueda fecha unha cúpula case idéntica á de Feixoo

O dirixente pontevedrés toma as rendas do Partido Popular na Galiza co apoio de 97,2% dos compromisarios.
De esquerda a dereita: Paula Prado, Alfonso Rueda e Rafael Domínguez este sábado na apertura do congreso do PP (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press).
photo_camera De esquerda a dereita: Paula Prado, Alfonso Rueda e Rafael Domínguez este sábado na apertura do congreso do PP (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press).

O PP galego fechou este domingo o proceso de substitución de Alberto Núñez Feixoo coa proclamación de Alfonso Rueda, xa presidente da Xunta, como líder do partido. 

O dirixente pontevedrés toma as rendas do Partido Popular na Galiza co apoio de 97,2% dos compromisarios que participaron no 18º Congreso do partido, que tivo carácter extraordinario e se celebrou na súa cidade natal.

O presidente da Xunta e único candidato a liderar o PP galego, Alfonso Rueda, fechou unha cúpula que mantén unha estrutura sen grandes novidades en relación á que saíu do anterior conclave, aínda con Feixoo á fronte da formación.

Amplía, iso si, de seis a oito as vicesecretarías e dúas conselleiras, Fabiola García e Ángeles Vázquez que até o de agora eran vicesecretarias, fican fóra.

De feito, os conselleiros, a excepción do vicepresidente segundo, Diego Calvo, que continúa na dirección galega, centraranse no labor de Goberno sen peso orgánico.

É o caso do titular de Sanidade, Julio García Comesaña, a quen Feixoo puxera á fronte da coordinación da área sanitaria no último conclave e que agora abandona o seu cargo orgánico.

Tamén seguen como presidentes de honra do partido Mariano Rajoy e José Manuel Romay  Beccaría (a quen Feixoo considera o seu 'pai político' e a quen lle outorgou esta distinción no último congreso do PP galego celebrado en xullo de 2021).

"Quen entra é porque o merece"

Durante a presentación da súa Executiva, Rueda asegurou que segue contando con "todos" e defendeu que, igual que quen "entra é porque o merece”, ningún dos que saen da cúpula directiva do partido “merecen a súa saída”.

Rueda comprometeuse a dirixir á "mellor tripulación" co reto "inmediato" de lograr que Feixoo entre na Moncloa.

Na primeira xornada do 18º Congreso, Rueda estivo ‘arroupado’ por varios dirixentes do PP estatal como a secretaria xeral, Cuca Gamarra; o coordinador xeral, Elías Bendodo e Esteban González Pons. Este domingo estará na clausura do Congreso o líder estatal do PP, Alberto Núñez Feixoo.

Comentarios