Paula Prado ocupará a Secretaría Xeral do PP na Galiza

Prado sucederá Miguel Tellado como secretario xeral dos populares galegos, e será a primeira muller en ocupar este cargo.
A viceportavoz parlamentar do PP, Paula Prado. (Foto: Arxina)
photo_camera A viceportavoz parlamentar do PP, Paula Prado. (Foto: Arxina)

A deputada do Partido Popular (PP) no Parlamento galego Paula Prado é a escollida polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para ocupar a Secretaría Xeral da formación política, unha vez que Rueda sexa ratificado presidente do PP galego no conclave que decorrerá en Pontevedra esta fin de semana.

Fontes populares consultadas por Europa Press confirmaron que a decisión de Rueda é a de contar con Prado para o cargo máis relevante a nivel orgánico dentro do PP.

Ocupar a Secretaría Xeral do Partido Popular na Galiza supón ser o número 2 da formación política, con independencia de que o presidente decida nomear unha ou varias vicepresidencias, algo que o antecesor de Alfonso Rueda, Alberto Núñez Feixoo, levou a cabo, aínda que cun peso máis simbólico que real

Prado sucederá Miguel Tellado como secretario xeral dos populares galegos, e será a primeira muller en ocupar este cargo.

Viceportavoz parlamentaria

Paula Prado é licenciada e doutora en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), ten un Máster en Igualdade de Oportunidades, Xénero e Educación Social tamén pola USC. É avogada especialista en Dereito Civil e de Familia.

Entrou sendo moza no PP galego, para o que ocupou diferentes cargos institucionais e orgánicos ao longo deste tempo. Foi concelleira en Santiago de Compostela, senadora e agora deputada na Cámara galega, onde tamén exerce como viceportavoz parlamentaria do grupo parlamentario dos populares na Galiza.

Con motivo da ofensiva militar rusa na Ucraína, culpou a Unión Soviética da invasión, a pesar de que esta foi disolta hai 31 anos.

A futura secretaria xeral do PP galego animou a "condenar rotundamente o réxime comunista soviético de Putin e o seu interese por voltar á antiga URSS, vulnerando desta maneira a liberdade e soberanía do pobo ucraíno".

Comentarios