Rueda eleva o ton contra a protesta pola sanidade: "Para buses si que hai cartos"

O presidente celebra a sentenza sobre Ence durante a sesión de control: "Fíxose xustiza".
Alfonso Rueda, Ana Pontón e Luís Álvarez, esta cuarta feira, durante a sesión de control ao Goberno galego. (Fotos: Arxina)
photo_camera Alfonso Rueda, Ana Pontón e Luís Álvarez (Fotos: Arxina)

A manifestación nacional pola sanidade pública deste domingo segue a marcar a axenda política na Galiza, tamén a do Goberno galego. A medida que se achega a data, sobe o ton desde o que a Xunta acusa a mobilización de estar "politizada". Esta cuarta feira, o presidente galego, Alfonso Rueda, recriminou a concellos e deputacións gobernados polo BNG e o PSdeG que apoien a marcha: "Para pagar autobuses [para a convocatoria do domingo] si hai cartos". Tivo tempo Rueda tamén para celebrar a sentenza do Tribunal Supremo sobre Ence.

A sesión de control ao presidente no Parlamento pivotaba sobre o estado da sanidade pública na Galiza. Por iso preguntaban o BNG e o PSdeG apenas 24 horas despois de que no rexistro da Cámara galega se entregasen 50.000 sinaturas en apoio a unha iniciativa lexislativa popular (ILP) en defensa da sanidade pública, a ILP con maior apoio da historia. Tanto Ana Pontón (BNG) como Luís Álvarez (PSdeG) coincidiron en advertir do "deterioro" da sanidade galega ao longo destes 13 anos e da responsabilidade política do Goberno galego.

"Pida perdón"

"Debería pedir perdón aos galegos e galegas por pór en risco a súa saúde tras 13 anos de recortes e privatizacións", instou a portavoz nacional do BNG a Alfonso Rueda. "E despois de pedir perdón", proseguiu, "debería de nos explicar que van facer" para reverter o deterioro sanitario. A líder da oposición ofreceu varios datos na súa intervención para exemplificar o estado da sanidade pública, como que hai 194 concellos sen pediatra ou o aumento das listas de espera con pacientes agardando 15 días para poder ver o médico de cabeceira. "É a súa responsabilidade", dixo.

Luís Álvarez, pola súa parte, pediu a Alfonso Rueda que "deixe de procurar a confrontación permanente" co Goberno español, ao que a Xunta responsabiliza da falta de persoal médico. "Vostedes votan en contra de toda canta proposta facemos para mellorar a sanidade", acrecentou o portavoz socialista na Cámara galega, que reclamou ao presidente da Xunta que "escoite" o que ao longo de todos estes meses están a denunciar profesionais e usuarias do Sergas: "A sanidade ten problemas graves".

"Parabéns" a Ence

O titular da Xunta respondeu por xunto a ambos os dous portavoces. Mais Alfonso Rueda non iniciou a súa intervención contestando as preguntas da oposición. O presidente dirixiuse a Ana Pontón para dicirlle que "se a decisión do Tribunal Supremo fose outra, empezaría vostede [a intervención] por aí". Mais a resolución favoreceu Ence, proseguiu, e a portavoz nacional do BNG debería, dixo, "pedir perdón aos centos de familias que viron en perigo o seu traballo pola ofensiva política" do BNG. Rueda tamén manifestou que, "como pontevedrés e como presidente", daba os "parabéns" por facerse xustiza" e que a pasteira poida permanecer na ría de Pontevedra até 2073. Unha intervención que Luís Álvarez cualificou como "falta de respecto para ter o seu minuto de gloria" e á que Pontón preferiu non responder.

Cando o presidente entrou en materia sobre o que se lle preguntaba na sesión de control, optou por subir un chanzo nas críticas que desde hai semanas o Goberno galego dirixe cara á mobilización de SOS Sanidade Pública do día 12. Rueda afirmou "respectar a quen de boa fe" acuda a esa mobilización, mais a seguir cargou con dureza. Dixo que "a toda esa xente" que acude á Xunta para pedir que se lle "bote unha man" para "eventos" e colaboracións "haberá que dicirlle" que "concellos e deputacións" [gobernados pola oposición] teñen cartos para autobuses [para asistir a esa protesta]". O que volveu repetir pouco despois: "Non aforran en cartos para autobuses" para o día 12.

Tres anuncios

O presidente puxo o ramo á súa intervención anunciando tres medidas en sanidade: Os médicos de familia saídos do MIR terán garantidos tres anos de contrato; haberá 400 prazas fixas sen oposición para prazas de difícil cobertura, e os médicos de familia terán garantidas axendas de 33 citas ordinarias. Tres anuncios, tres titulares,; mais sen concretar nada a respecto da súa implementación ou orzamento.

Comentarios