A manifestación pola sanidade marca a axenda do PP ao seu pesar

A sanidade pública, unha semana máis no foco do debate político coa mobilización do día 12 deste mes, domingo, no horizonte.

Ana Pontón, Pedro Pui e Luís Álvarez. (Foto: Europa Press)
photo_camera Ana Pontón, Pedro Pui e Luís Álvarez (Foto: Europa Press)

O foco do debate na política galega volve estar estes días na situación da sanidade pública, que centrará boa parte do pleno do Parlamento galego que principia esta terza feira nunha semana que culminará o vindeiro domingo coa manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública e apoiada por entidades sociais, políticas e sindicais, aos que o PP acusa de tratar de sacar rédito electoral destes problemas.

Esta foi a mensaxe que lanzou o portavoz parlamentario do PP da Galiza, Pedro Pui, que, durante unha rolda de prensa realizada esta segunda feira na Cámara galega, aseverou que as críticas de BNG e PSdeG sobre a xestión da Xunta en materia sanitaria carecen de "reflexión" e non parten "dun estudo serio" pois, di, perseguen lograr "un rédito electoral" sobre cuestións que "afectan todas as comunidades autónomas", nalgunhas delas "con peores" realidades que a da Galiza.

A poucos días da manifestación que percorrerá o vindeiro domingo día 12 Santiago en defensa da sanidade pública e que desde o Goberno galego cualifican de partidista, o grupo que sostén o Executivo presidido por Alfonso Rueda solicitará o apoio do Lexislativo autonómico á proposta de ampliar ata os 72 anos a idade de xubilación dos médicos de familia como vía para paliar o déficit de profesionais na atención primaria.

Esta segunda feira, Pui defendeu que existen "antecedentes" sobre a eficacia de medidas similares noutros ámbitos como o da xustiza e que o que persegue a iniciativa que levarán os populares ao pleno é que o Parlamento autonómico apoie a iniciativa da Xunta ante unha ampliación que require de decisións que dependen do Goberno estatal.

“Defender o que máis nos importa”

Nesta semana marcada polo horizonte da manifestación do domingo, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, animou a todos os galegos e galegas a secundar a convocatoria de SOS Sanidade Pública. "Temos que defender o que máis nos importa, que é a saúde e para iso necesitamos unha sanidade pública reforzada e non con recortes como nos deixa o PP", remarcou a líder da oposición.

Fronte ás acusacións dos populares de que detrás da manifestación do próximo domingo 12 está a propia formación nacionalista, Pontón insta o PP para "abandonar a soberbia e os insultos cara á cidadanía que se manifesta". "O que debe facer é anunciar un cambio de rumbo na sanidade galega pública deste país", aseverou.

Pontón expresou a súa "moita preocupación co que está a pasar na sanidade pública deste país", en que "un Goberno do PP converteuse nun perigo para a saúde dos galegos, despois de 13 anos de recortes e privatizacións".

“Responsabildiades”

"É hora de que Alfonso Rueda asuma que é presidente. Por moito que o sexa por un accidente do PP, ten a máxima responsabilidade na situación da sanidade", espetou pola súa parte o portavoz socialista no Pazo do Hórreo, Luís Álvarez, que acusou á Xunta de tratar de "normalizar" o "colapso tras colapso" que se vive no Sergas.

Álvarez  cre que a Consellaría de Sanidade enfróntase a esta realidade con "medidas improvisadas" e "anuncios e máis anuncios", o último, a "ocorrencia" de propoñer a ampliación da idade para xubilarse que, di, "sitúa a posible solución" fose do ámbito competencial do Goberno galego. "Vai na liña de expor medidas fóra da lóxica. E iso ten un nome: populismo", apostilou.

Comentarios