Rueda, sen resposta ante a persistencia da crise de prezos

Coincidiron o BNG e o PSdeG onte no sentido das súas preguntas ao presidente galego, Alfonso Rueda, na sesión de control parlamentario: ante a persistencia da crise derivada da suba de prezos vai actuar o Goberno galego? Adoptará novas medidas? Ambas as cuestións ficaron sen resposta por parte de Rueda, que si aproveitou a comparecencia no primeiro pleno do ano para anunciar unha ampliación do plan de prevención do cancro de mama.
Alfonso Rueda, Ana Pontón e Luís Álvarez onte, durante a sesión de control ao presidente (Foto: Parlamento da Galiza / Nós Diario).
photo_camera Alfonso Rueda, Ana Pontón e Luís Álvarez onte, durante a sesión de control ao presidente (Foto: Parlamento da Galiza / Nós Diario).

A primeira sesión de control ao presidente galego de 2023 pivotou sobre a crise económica, cuxa persistencia na suba de prezos require xa, a xuízo da oposición, que a Xunta despregue novas medidas. Por elas lle preguntaron esta cuarta feira a Alfonso Rueda desde o BNG e o PSdeG, en ambos os dous casos con idéntica resposta: ningunha referencia ao preguntado.

Rueda limitouse a dicir que o orzamento da Xunta para 2023 é o mellor "exemplo" do compromiso do Goberno galego fronte á crise. Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, criticou que o titular da Xunta non fose quen de "dar nin unha soa resposta" á pregunta de que vai facer o Goberno galego para paliar os incrementos de prezos que "soporta" a cidadanía galega "no cesto da compra, na vivenda ou na factura da luz".

Para a nacionalista, o Executivo galego non toma medidas para evitar ter que se"enfrontar" á banca ou a grandes distribuidoras. "Galiza precisa dun Goberno de verdade, non dun Goberno de reposto", criticou.

Luís Álvarez, portavoz na Cámara do PSdeG, dixo que actualmente na Galiza "non hai colectivo que non teña motivos de preocupación" e apuntou que a falta de actuacións do Goberno galego provoca que estea "abandonada" a axenda de converxencia económica da Galiza co Estado. "Mentres a sociedade galega agarda por medidas, tic-tac, o Goberno galego fai tik-toks", concluíu.

Rueda afrontou a súa primeira sesión de control do ano con especial dureza, nomeadamente contra Pontón, á que acusou de "levar 20 anos na vida política e non manexar nin un euro público", tachándoa de levar á Cámara "proclamas" e "ocorrencias".

O presidente incluso acusou o BNG de "vandalizar supermercados" por unha acción da súa organización xuvenil, Galiza Nova, na que se puxeron uns cartaces nun supermercado contra a suba de prezos. A Luís Álvarez criticouno por "terxiversar datos", mais foi o Goberno español o albo dos ataques do presidente durante a quenda de resposta ao portavoz do PSdeG. Até tal punto que o propio Álvarez instou Rueda a que, se quería facer oposición ao Executivo estatal, se presentase ás eleccións españolas.

Eólicos

No debate da sesión de control desta cuarta feira na Cámara galega tamén tivo presenza a cuestión eólica. "Venden vostedes Galiza a prezo de saldo ás eléctricas, que gañan a mans cheas co espolio eólico", sinalou Pontón, que volveu insistir na necesidade dunha "tarifa eléctrica galega", que de novo desbotou Rueda, afirmando que "ninguén" avala a medida.

O presidente Alfonso Rueda non anunciou novas propostas contra a crise, como demandaba a oposición, mais si fixo un anuncio: o programa de detección de cancro de mama chegará a 200.000 mulleres máis ao se ampliar os rangos de idade de 50 a 69 anos. 

Comentarios