18-F

Rueda pon a punto toda a maquinaria da Xunta para atraer o voto das persoas maiores

"Con estas iniciativas, o Goberno galego seguirá estando ao seu carón para facilitar que vostede viva estes anos facendo o que máis lle gusta", relata o presidente da Xunta nunha carta enviada estes días ás persoas maiores de 65 anos canda o novo 'Carné +65'.
A carta asinada por Alfonso Rueda e dirixida ás persoas maiores. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A carta asinada por Alfonso Rueda e dirixida ás persoas maiores. (Foto: Nós Diario)

Queda menos dun mes para a cita coas urnas do vindeiro 18 de febreiro e o Partido Popular de Alfonso Rueda xa puxo toda a maquinaria electoral a funcionar. Desde que anunciou a convocatoria de eleccións a mediados de decembro, a Xunta da Galiza comprometeu xa a mobilización de máis de 350 millóns de euros en diferentes liñas de axudas, o que se traduce en nada menos que 2,64% do Orzamento do Goberno galego para todo o ano 2024 —13.257 millóns de euros—.

Desde as forzas da oposición veñen advertindo desde hai semanas do que consideran un uso "partidista" da Administración pública e, de feito, a Xunta Electoral xa apercibiu o Executivo de Rueda ao entender que incorreu nunha "vulneración do deber de neutralidade" en relación cunha denuncia interposta polo PSdeG. As socialistas facían alusión no seu escrito á difusión dada á sinatura do convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello de Ferrol para o proxecto 'Abrir Ferrol ao mar', "e o contido que do mesmo se recolle na páxina web institucional da Xunta". E desde o ente que vela polo 'xogo limpo' na campaña apuntan que "todas as circunstancias determinan que esta Xunta [Electoral] entenda que o contido da noticia denunciada desborda o contido obxectivo e necesario para a salvagarda do interese público".

'Bono Deporte', 'Bono Coidado', axudas para as mariscadoras... Son múltiples as liñas de subvencións que anunciou a Xunta da Galiza nas últimas semanas e que non fican libres de críticas por, alén do que os partidos opositores cualifican de "electoralismo" e "propaganda", a súa ineficacia e insuficiencia. Desde o mar, por exemplo, as traballadoras cuestionan que, ante a crise que padece o sector marisqueiro a achega do Goberno se limite a un único pagamento de 550 euros por persoa.

E sobre o 'Bono Coidado', o Colexio de Traballo Social da Galiza, o Movemento Galego pola Defensa das Pensións e dos Servizos Públicos (Modepen) ou os colectivos Traballadores de Residencias de Galicia (Trega) e Vellez Digna alertan de que se trata dun anuncio "que non se corresponde coa realidade" e que "tenta manipular os dependentes e comprar o seu voto con diñeiro sen corrixir ningún dos problemas que lastran a dependencia". "Acordan agora, a poucos días das eleccións e logo de privatizar residencias e non crear ningunha pública, das persoas maiores e como única medida darlles 1.200 euros", censuraron a pasada semana Vellez Digna, Trega e Modepen a través dun comunicado conxunto.

Agora Rueda lánzase a polo voto das persoas maiores de 65 anos, ás que a Administración está a enviar estes días o 'Carné +65' acompañado dunha misiva que asina o propio presidente e na que gaba o que considera os grandes logros da Xunta para coas persoas de avanzada idade. "Galiza é un dos lugares do mundo onde máis anos vive a xente", comeza escribindo.

"A Xunta da Galiza ofrece moitas actividades dirixidas ás persoas maiores: estadías en balnearios, clases para dominar as novas tecnoloxías, programas para aprender nas universidades e apoios para viaxar e coñecer novos lugares", prosegue, enumerando diferentes medidas impulsadas polos gobernos do PP. Tamén alude a outra medida que entrou en vigor após a convocatoria electoral —o pasado 1 de xaneiro—, a gratuidade do transporte público para as persoas maiores "sen facer ningún trámite extra".

Tamén desde a entrada do novo ano está vixente na Galiza, tal e como se preocupa en lembrar Rueda nesta carta, o citado 'Carné +65', "que lle ofrecerá descontos e vantaxes en comercios, museos, teatros, actividades formativas, aloxamentos turísticos e moito máis".

A misiva asinada polo presidente da Xunta e candidato do PP á reelección conclúe enviando "unha forte aperta" e unha última gabanza: "Con estas iniciativas, o Goberno galego seguirá estando ao seu carón para facilitar que vostede viva estes anos facendo o que máis lle gusta".

Comentarios