A Xunta abre a chequeira a catro días da manifestación pola crise dos pellets: 4 millóns en axudas para 7.000 mariscadoras

A achega suporá 550 euros por traballadora.
Mariscadora na ría de Vigo. (Foto: Adrián Irago / Europa Press)
photo_camera Mariscadora na ría de Vigo. (Foto: Adrián Irago / Europa Press)

A Xunta da Galiza anunciou esta cuarta feira a mobilización de 15 millóns de euros en axudas para o sector marisqueiro. Así o deu a coñecer a Federación Galega de Confrarías de Pescadores, logo de manter unha xuntanza con representantes do Executivo galego. Nun comunicado, a federación afirma que conseguiu "o compromiso" da Xunta para mobilizar esta contía, tras as caídas de produción polas "chuvias torrenciais" dos meses de outubro e novembro "e a mala campaña natalicia". 

Porén, segundo explica, "haberá unha axuda extraordinaria directa a curto prazo para máis de 7.000 profesionais de a pé e a flote, que rondará os catro millóns de euros, e tamén fondos para as entidades representativas do sector". Isto é, as axudas millonarias da Consellaría do Mar, que non se aprobarían até abril, tradúcense en arredor de 550 euros para cada un dos 7.000 mariscadores ou mariscadoras da Galiza para afrontar o pagamento de pouco máis de dúas cotas da Seguridade Social. A federación pídelle ao Goberno estatal "exonerar o sector" de pagar estas cotas, aprobando a zona catastrófica.

Mentres, a Consellaría do Mar aínda non decretou paros biolóxicos que axuden o sector, o cal agudiza a situación que viven confrarías como a de Noia, con máis de 4.000 mariscadores e mariscadoras, que levan sen poder traballar desde o 8 de decembro a raíz da mortalidade do bivalvo.

Tal anuncio millonario chega en plena precampaña das eleccións galegas e tan só catro días antes da manifestación na que o sector do mar denunciará a xestión do Goberno galego ante a crise dos pellets.

Unha mobilización que terá lugar este domingo en Compostela e que xa recolleu o apoio de BNG, PSdeG, Sumar, Podemos ou o comité intercentros da CRTVG, ademais dos máis de 140 colectivos que convocan a marcha. Entre eles, a propia Confraría de Noia, as plataformas en defensa da ría de Arousa e de Muros-Noia, as principais organizacións de bateeiros, diversas agrupacións de mariscadores e mariscadoras, confrarías e distintos colectivos ecoloxistas.

Dúas veces "non"

As axudas ao sector marisqueiro son, así e todo, unha petición reiterada nos últimos meses tanto polas propias traballadoras e traballadores do mar, como por BNG e PSdeG, que pediron no Parlamento a aprobación dun fondo extraordinario en axudas directas para  o sector afectado pola mortaldade e baixa produtividade do país. Dúas veces debateuse a proposta na Cámara galega, e dúas veces o PP premeu o botón do "non". 

Comentarios