mércores 12/08/20
Eleccións galegas

PP 41, BNG 19, PSdeG 15

Os primeiros resultados das eleccións galegas non se afastan do apuntado nas enquisas a pé de urna: o Partido Popular recunca na Presidencia da Xunta e sorpaso do BNG ao PSOE. 
Votacións na Galiza este 12X (Imaxe: Europa Press)
Votacións na Galiza este 12X (Imaxe: Europa Press)

Alberto Núñez Feixoo recunca por cuarta vez como presidente da Xunta da Galiza e o BNG liderado por Ana Pontón consegue adiantar o PSOE e encabezar a oposición durante os próximos catro anos. Co 100% dos votos escrutados, o PP obtén 41 escanos, o BNG 19 e o PSOE, 15. Galicia en Común, que integra Podemos, Esquerda Unida e Anova, non logra representación, ao igual que Marea Galeguista, Ciudadanos e Vox.

Por circunscricións, na Coruña o PP consegue 14 representantes; o BNG 7 e o PSOE 4; en Lugo, o PP faise con 9 escanos, o BNG con 3 e o PSOE con 2; en Ourense, o PP logra 8, o PSOE 3 e o BNG 3 e en Pontevedra, o PP suma 10 escanos, o BNG 6 e o PSOE 6.

Nas anteriores eleccións galegas, as de 2016, o Partido Popular obtivera 682.150 votos, 41 escanos e o 47,56% dos apoios. En Marea, onde se integraban Podemos, Esquerda Unida e Anova, situárase como segunda forza, con 273.523 papeletas, 14 escanos e o 19,07% dos votos, moi seguida do PSOE, con 256.381 votos, 14 escanos e o 17,87% dos apoios. O BNG fora cuarta forza, con 119.446 votos, 6 deputados e o 8,33% das papeletas. A ruptura de En Marea provocara mudanzas no hemiciclo, co PSOE á fronte da oposición, seguida por En Común da Esquerda (9 escanos), do BNG e do Grupo Mixto (5), no que se integraban os deputados de En Marea.

comentarios