Rajoy amaga con novas eleccións após se negar Sánchez a unha gran coligazón

“Se o PSOE se mantén no bloqueo, haberá terceiras eleccións”, dixo o presidente en funcións trala xuntanza co secretario xeral socialista. Sánchez insta Rajoy “a negociar coas dereitas”.

Reunión Rajoy Pedro Sánchez 13 xullo 2016
photo_camera Imaxe dunha xuntanza anterior entre Rajoy e Sánchez

Pode haber terceiras eleccións e a culpa é de Pedro Sánchez. Esta foi, en resumo, a intervención de Mariano Rajoy tras a xuntanza que mantivo no Congreso dos Deputados co secretario xeral do PSOE. O presidente en funcións dixo que “hoxe o señor Sánchez non foi receptivo ás miñas propostas” embora lle ofrecer, informou, un goberno de coligazón e insistir que “a maioría de españois” están unidos en torno a unha serie de cuestións comúns que partillan PSOE e PP: Constitución española e UE. Mais, afirmou Mariano Rajoy, “sen o compromiso do PSOE non hai posibilidade de formar goberno”. Un argumento que reiterou en varias ocasións na súa comparencia. O PSOE “mantén o bloqueo” e un bloqueo levaría a unhas terceiras eleccións, engadiu.

A estratexia de Rajoy continúa a ser a de concentrar a artillaría no PSOE, confiando en que o fogo que os socialistas reciben desde o 26X desde múltiples posicións (mesmo das súa propias trincheiras políticas e mediáticas) acabe por dar resultados. Por iso axita o espantallo dunhas terceiras eleccións.

Con anterioridade compareceu Pedro Sánchez, para reiterar que mantén o seu non a unha investidura de Mariano Rajoy. Afirmou que os socialistas “non van estar en ningunha gran coligazón” e instou o presidente en funcións a porse “a traballar. Levamos 35 días desde as eleccións e non sumou un escano máis aos seus deputados”.  

Comentarios