domingo 01/08/21

O PSOE manobra no Congreso para impedir que Galiza teña a titularidade da AP-9

Os socialistas presentan emendas alegando que transferir a súa propiedade "podería comprometer" a aprobación de bonificacións ás peaxes por parte do Goberno. O BNG advirte: "Non imos aceptar un trato discriminatorio a Galiza".

EuropaPress_2084065_autopista_ap-9_entrada_puente_rande_procedente_pontevedra
Tramo da AP-9 á entrada á ponta de Rande procedente de Pontevedra (Foto: Europa Press)

O PSOE presentou no Congreso varias emendas á lei orgánica que transferirá á Xunta a AP-9 (cuxo trámite foi desbloqueado esta mesma semana pola Mesa da Cámara), de modo que este traspaso soamente afectaría á "administración e explotación" e non á súa titularidade, que continuaría sendo estatal.

O Grupo Socialista pretende que a Autoestrada do Atlántico siga pertencendo á Rede de Estradas do Estado, en contra do establecido no texto orixinal da lei aprobada por unanimidade no Parlamento de Galiza ─tamén cos votos a favor do PSdeG─ e remitida ás Cortes.

En concreto, a modificación que propón os socialistas á normativa incide no artigo 1 para suprimir a transferencia da titularidade á Xunta, que só tería "competencias sobre a administración e explotación" desta vía.

Segundo a exposición de motivos da enenda, o PSOE advirte que a aprobación da lei de traspaso "podería comprometer" a aprobación no seo do Goberno estatal daquelas bonificacións ás peaxes da AP-9. E é que esta vía, a 1 de xaneiro de 2021, presentaba "a terceira tarifa media máis alta das autoestrada explotadas por empresas privadas" da rede española de estradas.

Para corrixir esta situación, o Executivo español ─explica o Grupo Socialista─ "está a abordar a aplicación dun esquema de bonificacións da peaxe en todos os tramos da autoestrada sen precedentes en Galiza e en España", cunha partida duns 50 millóns de euros.

Por iso, o PSOE ve "máis adecuado" que se suscite a transferencia "de determinadas competencias sobre a administración e a explotación" da infraestrutura "manténdose en principio, a titularidade por parte da Administración Xeral do Estado".

As emendas tamén propón suprimir o artigo 2, que no texto orixinal fala daquelas funcións e servizos que pasarían a mans de Galiza. Para explicar este cambio, os socialistas alegan que os términos da transferencia tomarán forma na Comisión Mixta Estado-Xunta e non ven necesario que estean recollidos na lei "por unha cuestión de simplicidade técnica".

Primeiro a rebaixa, di Caballero

Preguntado a respecto disto este sábado, 19 de xuño, en conferencia de prensa, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, insistiu en que a "prioridade central" dos socialistas é conseguir "rebaixas históricas" no custo da infraestruturas e que "duren até a fin da concesión" en 2048.

Neste contexto, o dirixente galego asegurou que hai agora mesmo "unhas negociacións duras e tensas" entre o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e a concesionaria, Audasa, que hai que "priorizar" para que as rebaixas cheguen este verán.

A pesar do sentido da emenda presentada polo Grupo Socialista no Congreso, Caballero comprometeu que o PSdeG "mantén a súa posición" de transferir a titularidade da AP-9 á Xunta "cando estea garantida a rebaixa das peaxes". "Esta é a miña posición e trasladéillela ao partido e ao Ministerio", recalcou o secretario xeral.

"Agravio" con respecto a Catalunya e Euskadi

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, manifestouse con rotunidade: "Non imos aceptar que a transferencia da AP-9 sexa unha transferencia minguada e de segunda". "Non imos aceptar este agravio, este trato discriminatorio para Galiza", advertiu, para lembrar a continuación a transferencia "plena" a Euskadi e Catalunya de autoestradas similares á A-P9, mentres no caso galego "todos son paus nas rodas".

"Tivemos paus nas rodas por parte dos Gobernos do PP e agora vemos un Goberno socialista que quere facer unha transferencia a medias e que claramente significa unha tomadura de pelo para os galegos e as galegas", reprobou.

Para a portavoz nacionalista, o que se pretende dende o Executivo central "é facer unha transferencia minguada, como se os galegos e as galegas non puidésemos xestionar as nosas autoestradas e tivésemos que estar pendentes do que decidan en Madrid".

En declaracións realizadas este sábado na manifestación convocada por Iniciativa Galega pola Memoria ante o Pazo de Meirás, sinalou que "esa transferencia, pola que levamos tanto tempo loitando, tense que facer con plenitude e non pode ser unha transferencia de segunda".

comentarios